'Caso Pegasus': BNG, Bildu e ERC rexistran unha comisión de investigación responsabilizando o Estado

Solicítanse medidas de resarcimento a favor das persoas afectadas.
O voceiro de ERC no Congreso, Rafael Rufían, a piques de saúdar Pedro Sánchez na sesión de investidura. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O voceiro de ERC no Congreso, Rafael Rufían, a piques de saudar Pedro Sánchez na sesión de investidura. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Unha petición conxunta entre Bloque Nacionalista Galego (BNG), EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) rexistrada hoxe no Congreso español reclama crear unha comisión de investigación sobre a “espionaxe e intromisión á privacidade e intimidade” cos programas Pegasus e Candiru contra “líderes políticos [na súa meirande parte do independentismo catalán], activistas, avogados, xornalistas, institucións e os seus familiares e achegados”.

Todo isto cando Pedro Sánchez (PSOE) xa estaba á fronte do Gabinete español. Até catro presidentes ou ex presidentes catalás foron espiados, así como o líder da forza vasca, Arnaldo Otegi.

Pactos co PSOE

A creación desta comisión formaba parte do pacto PSOE-ERC para que Francina Armengol, da formación estatal, se convertera en presidenta da Cámara Baixa, e chegaría após aprobar a Mesa do Congreso a admisión a trámite da proposta de Junts e o Partido Nacionalista Vasco (PNV) para impulsar dúas comisións de investigación.

Unha delas sobre os atentados xihadistas en Catalunya en 2017 e outra para analizar a serie de actuacións encubertas do Executivo de Mariano Raxoi (2011-2018) para presuntamente espiar políticos independentistas cataláns e crear probas falsas contra eles. As dúas foron acordadas entre o PSOE e Junts.

Todo apunta ao Estado español

A proposta das forzas nacionalistas progresistas insta a depurar responsabilidades e apunta directamente cara ao Estado español, explicando que o software israelí Pegasus “só se vende a forzas da orde e axencias de Intelixencia”.

Asemade, exixe a Madrid que leve a cabo “medidas de resarcimento a todos aqueles afectados polas investigacións ilegais”.

Comentarios