O bico non consentido de Luis Rubiales chega á Eurocámara

O presidente suspendido da RFEF fica cada vez máis só dentro dunha institución que comeza a afastarse del e do seu comportamento na final do Mundial.
Manifestación en Santiago de Compostela contra Luis Rubiales e en apoio de Jennifer Hermoso, o pasado 29 de agosto. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación en Santiago de Compostela contra Luis Rubiales e en apoio de Jennifer Hermoso, o pasado 29 de agosto. (Foto: Arxina)

O pleno do Parlamento Europeo debaterá a vindeira quinta feira, 14 de setembro, sobre o bico que o presidente —suspendido pola FIFA— da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, deu sen consentimento á futbolista Jennifer Hermoso na entrega de medallas do Mundial de Australia, e que esta mesma semana a deportista denunciou como un presunto delito de agresión sexual diante da Fiscalía da Audiencia Nacional.

Esta proposta foi incluída na axenda da sesión plenaria da próxima semana en Estrasburgo (Francia) a pedimento de ERC. "Como institución, debemos analizar todas as opcións legais posíbeis para asegurar a igualdade e evitar as violencias machistas, tamén no deporte", argumentou a eurodeputada republicana e portavoz desta formación en Europa, Diana Riba.

O enunciado do debate apunta que será unha discusión sobre "a violencia e a discriminación no deporte" tras os acontecementos ocorridos na final do Mundial de fútbol feminino, sen referencia expresa aos protagonistas do caso. A petición de ERC saíu adiante co consenso dunha maioría de grupos na reunión desta cuarta feira da Conferencia de Presidentes, malia que o debate non irá acompañado dunha resolución da Cámara.

Coincide no tempo este anuncio co da propia Hermoso, que esta cuarta feira decidiu finalmente emprender accións legais contra Luis Rubiales. E neste proceso acompáñaa a Fiscalía: "Atendido o momento extraprocesual no que nos atopamos e o inequívoco das súas declaracións, é preciso determinar a transcendencia xurídica das mesmas", precisou a tenente fiscal, Marta Durántez.

O decreto da tenente fiscal chegou tras coñecerse que a Fiscalía Xeral do Estado e mais a Provincial de Madrid remitiran á Audiencia Nacional as diferentes denuncias presentadas contra Rubiales por particulares e asociacións polo bico á xogadora, dado que o asunto, ao ocorrer fóra de territorio español, é da súa competencia.

Luis Rubiales fica cada vez máis só dentro dunha RFEF que pediu desculpas "a todo o mundo do fútbol" polo comportamento do seu presidente suspendido e que prometeu ao Goberno español unha 'limpeza' a fondo na institución, comezando polo cesamento xa oficializado do seleccionador español, Jorge Vilda.

Comentarios