Bárcenas acusa o PP madrileño de lavar cartos de donativos

O gasto das campañas electorais do PP en Madrid baixo o liderado de Esperanza Aguirre "excedían o límite máximo permitido pola lei", asegurou o ex tesoureiro popular Luis Bárcenas ante o xuíz, a quen relatou un suposto 'modus operandi' para o lavado de cartos procedentes de donativos entre o PP madrileño e o estatal.  
As campañas electorais do PP supuñan un gasto superior ao permitido pola lei, segundo di Bárcenas (Foto: Europa Press)
photo_camera As campañas electorais do PP supuñan un gasto superior ao permitido pola lei, segundo di Bárcenas (Foto: Europa Press)

O ex tesoureiro do Partido Popular (PP), Luis Bárcenas, declarou ante o xuíz que instrúe o caso 'Púnica' que o PP da Comunidade de Madrid entregaba os donativos que recibía en efectivo ao PP estatal, e que este posteriormente realizaba unha transferencia de volta á organización madrileña. Apuntou así unha operación de lavado de cartos que chegaba en forma de donativos en efectivo.

Este testemuño de Bárcenas, efectuado o pasado 24 de febreiro e que non transcendeu esta sexta feira, 5 de marzo, sinala que a razón deste traspaso de donativos entre a estrutura rexional do partido  e a estatal débese a que determinados conceptos non podían ser aboados en efectivo e querían que o diñeiro se reflectise nas contas tanto bancarias como contábeis da sede rexional.

"A sede central do partido quedaba con eses donativos e facíalle unha transferencia desde os fondos oficiais da sede central á sede rexional.

Por que? Porque non podían pagar determinados conceptos con diñeiro en efectivo e querían que o diñeiro se reflectise nas contas tanto bancarias como contábeis da sede rexional do partido. Recibíanse cantidades importantes", sinalou o ex tesoureiro ante o maxistrado Manuel García-Castellón.

Noutro momento da declaración engade que as campañas electorais do PP de Madrid -á fronte do que estivo Esperanza Aguirre de 2004 a 2016- supuñan un gasto electoral superior ao límite máximo permitido pola lei.

A comparecencia de Bárcenas estendeuse o 24 de febreiro durante máis de dúas horas, e sinalou que entre 2007 e 2008 entregou xunto ao tamén  ex tesoureiro do partido Álvaro Lapuerta -xa falecido- á entón presidenta da Comunidade de Madrid e líder do PP rexional, Esperanza Aguirre, un sobre con 60.000 euros que recibiran da construtora Ploder.

A declaración produciuse despois de hai unhas semanas ter entregado un escrito ante a Fiscalía Anticorrupción en que se mostraba disposto a colaborar tanto na peza relativa ás comisións finalistas que se segue no Xulgado Central de Instrución número 5 como na macrocausa Púnica.

Comentarios