xoves 05/08/21
Análise

Bárcenas e Crespo acurralan o PP galego

A dirección do PP galego segue con preocupación a nova estratexia de Luis Bárcenas e Pablo Crespo. A decisión dos dous dirixentes de tirar da manta para gañar beneficios penais enfronta os populares ao seu pasado máis negro e ameaza con sacar á luz novos datos sobre o financiamento irregular.
Pablo Crespo, Alberto Núñez Feixoo e Luis Barcenas. (Foto: Europa Press)
Pablo Crespo, Alberto Núñez Feixoo e Luis Barcenas. (Foto: Europa Press)

As declaracións de Luis Bárcenas no xuízo polas obras da sede central do Partido Popular están facendo tremer a formación. A decisión da nova dirección de Pablo Casado de marcar distancias co pasado, contrasta coa posición defendida por Núñez Feixoo, quen fixo unha defensa fechada da etapa anterior e, moi particularmente, de Mariano Raxoi, directamente sinalado polo antigo tesoureiro do PP. Porén, diversos medios de comunicación da órbita da dereita, atendendo as informacións procedentes do aparato de Génova, ligan as palabras de Feixoo ao interese por manter intactas as súas aspiracións á presidencia do partido e evitar que algúns dos testemuños de Bárcenas o aparten definitivamente do xogo político.

Luis Bárcenas xa ten amosado con anterioridade o seu coñecemento sobre as irregulares contábeis do PP galego na época de Feixoo. Sen ir máis lonxe, tal como seu momento informou o diario El País, o 15 de xullo de 2013, o ex tesoureiro do PP declarou diante do xuíz Pablo Ruz sobre a contabilidade paralela dos populares galegos e achegou diversa información onde certificou a mesma.

Así, entre esta, atopouse un informe elaborado en 2006 polo xerente da formación na Galiza, Modesto Fernández, quen documentou achegas de 19 grupos empresariais, parte dos cales superaron o límite legal fixado polas doazóns e que no seu conxunto sumaron 1.888.275 euros. Porén, a contabilidade oficial do partido para ese exercicio entregada no Tribunal de Contas só recolleu en concepto de achegas de particulares 208.300 euros.

A hipótese do xuíz Ruz foi que ese 1.679.825 euros de diñeiro negro se podería ter empregado na campaña electoral das galegas de 2005, onde o Partido Popular liderado por Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta. Ao tempo, Bárcenas entregou ao maxistrado diversa documentación referida ás contas dos populares galegos, entre eles un documento manuscrito coa súa caligrafía baixo o epígrafe “Galicia”, onde anotou “OHL: 300.000 € en campaña / ACS: se comprom. a 1 M€, deu 30.000 € / Ingr. 2006 en donat.: = 360 M. / Pts / FCC: daba 50.000€ / mes; vai dar 12.000€ / mes + axuda campaña”. Na seguinte liña o dirixente popular apuntou “Congreso e Monte Dogazo (sic), pagos”, unhas referencias que os xornalistas Jose Precedo e Xosé Hermida asociaron ao congreso do PP de 2006, onde foi elixido Núñez Feixoo e a algúns dos actos políticos dos populares no Monte do Gozo.

Os recibos de Pablo Crespo

O secretario de organización do Partido Popular da Galiza entre 1995 e 2003, Pablo Crespo foi outro dos dirixentes da formación que achegou información sobre os mecanismos de financiamento da organización no país. O antigo dirixente dos populares, actualmente encarcerado pola súa participación na trama Gurtel e que amosou recentemente a súa disposición a colaborar coa xustiza, xa apuntou en 2018 nunha comparecencia no Congreso dos Deputados que no PPdeG existía unha dinámica de pagos en  B "instalada  institucionalmente” e “había doazóns irregulares, non creo que fosen ilegais, de empresarios, e efectivamente había unha contabilidade que non estaba na contabilidade do partido”.

Pablo Crespo xa recoñeceu con anterioridade a súa participación en pagos en negro a dirixentes populares galegos e avisou de que gardaba probas do mesmos. Así, nunha entrevista en 2015, no diario español Público, sinalou que “é certo que había xente que se negaba a asinar xustificantes de recepción por unha cuestión de prudencia, mais non eran a maioría. Asegúrolle que a cuestión non é que eu teña dous, 10 ou 40 recibos de pagos en b. A cuestión é que teño moitísimos máis, porque eu recibín donativos e apuntaba cada donativo, quen o daba, a cantidade e, posteriormente, cada céntimo que saía desa caixa de ingresos b”.

A mostra máis evidente da vontade de colaboración coa xustiza de Crespo é que solicitou a repatriación de fondos agochados en Suíza para facer fronte ás multas pendentes coa xustiza e iso preocupa especialmente a dirección do PP galego e o círculo de Mariano Raxoi.

Tanto é así, que desde o aparato popular informan á cronista política de La Razón, e unha das referencias da dereita mediática máis próximas á formación, Carmen Mórodo, que “o nome de Pablo Crespo preocupa especialmente a Raxoi” porque “é Fraga, Cuíña, Marcial, Feixoo”. Estas mesmas fontes destacan que o temor a Crespo deriva da documentación que conserva da contabilidade dos populares galegos, das achegas económicas de importantes grupos empresariais e de “recibos de pagos en negro” a coñecidos e militantes da formación. 
 

comentarios