As autoridades do Xapón iniciaron a descarga de auga de Fukushima

A China veta as importacións do mar xaponesas con posterioridade ao comezo da vertedura no océano da auga contaminada da central de Fukushima.
Protesta a quinta feira en Tokio. (Foto: Yang Guang / Europa Press / Contacto)
photo_camera Protesta a quinta feira en Tokio. (Foto: Yang Guang / Europa Press / Contacto)

A auga contaminada tras ser usada para arrefriar o combustíbel nuclear fundido da central atómica de Fukushima, no Xapón, e logo sometida a un proceso de filtración que non elimina todos os compoñentes radioactivos, comezou a quinta feira a ser vertida ao océano Pacífico, nun proceso que se estenderá ao longo de varias décadas. A primeira descarga, de case 8.000 toneladas de auga, prolongarase 17 días.

Entidades ecoloxistas e contrarias á enerxía nuclear desenvolveron varias manifestacións en distintas localidades xaponesas contra unha medida criticada polas cooperativas pesqueiras xaponesas ou por Pamalakaya, o sindicato de mariñeiros de Filipinas.

O Ministerio de Relacións Exteriores chinés acusou Tokio de non “demostrar que a descarga ao océano foi segura e inofensiva para o medio ambiente mariño e a saúde das persoas”, cualificando a medida como “egoísta e irresponsábel” e definindo o Xapón como “un sabotador do sistema ecolóxico e un contaminador do medio mariño mundial”.

Desde o inicio da vertedura, o Xapón “colocouse no banco dos acusados fronte á comunidade internacional e seguramente enfrontará a condena internacional durante moitos anos”, resolveu o Ministerio.

Veto ás importacións

En paralelo, a Administración Xeral de Alfándegas da China anunciou a prohibición inmediata da importación de todos os produtos do mar xaponeses, co fin de “protexer a saúde dos consumidores chineses” e “previr os riscos da descarga de augas residuais contaminadas nuclearmente”. Beijing é o maior mercado de exportación de produtos do mar xaponeses, destaca o South China Morning Post.

Ao tempo, en Corea do Sur decorreu unha mobilización en contra do inicio da descarga que rematou co intento de asalto dos participantes á embaixada do Xapón en Seúl, e que levou ao arresto de 16 persoas.

O Organismo Internacional de Enerxía Atómica, que avala o plan xaponés, insistiu en que o nivel de tritio, un dos compoñentes radioactivos que o sistema de filtrado non é quen de retirar, na auga vertida está por baixo do límite permitido tras ser diluída antes de chegar ao mar.

A propietaria da central nuclear, Tokyo Electric Power, informou de que mandará un barco á zona para controlar as condicións da auga, aseverando que os datos estarán dispoñíbeis en tempo real para “asegurar a transparencia”.

Comentarios