A fenda da desigualdade medra no Xapón e a dereita chama a refundar o capitalismo

O país asiático vota este outono. O Partido Liberal Democrático leva gobernando case sen interrupción no Xapón desde 1955. Neste tempo o país viviu un crecemento económico que o levou a ser unha das maiores economías do mundo. Porén, as políticas antes exitosas para todos agora sono cada vez máis só para uns poucos. Os menos, os que xa máis tiñan.
EuropaPress_3698481_09_may_2021_japan_tokyo_protesters_hold_banners_in_front_of_tokyos_national
photo_camera Unha protesta contra os Xogos Olímpicos de Toquio 2020, o pasado 9 de maio na capital nipoa (Foto: Cezary Kowalski / SOPA)

Sumadas, a inestabilidade económica e a emerxencia sanitaria deixan aberta por vez primeira en máis de medio século unha pequena fiestra ─non máis que unha físgoa─ para que a esquerda acabe coa hexemonía da dereita no Xapón, que a máis tardar o próximo 28 de novembro elixirá os seus representantes parlamentarios. 

Desde a súa fundación en 1955, o Partido Liberal Democrático (PLD, monárquico de dereitas) goberna o Xapón case ininterrompidamente. Tan só entre 1993 e 1994 e de novo entre 2009 e 2012 cedeu o poder: no primeiro período ao Partido Novo, unha formación tamén conservadora que conseguiu liderar apenas durante uns meses unha coalición de oito partidos; no segundo, o Partido Democrático (PD) impúxose por vez primeira nuns comicios desde a fin da II Guerra Mundial, mais o desastre de Fukushima, o 11 de marzo de 2011, levouno por diante. O PD, que se desintegrou en 2016, tamén transitaba entre o centro e a dereita.

Segundo a clasificación que fan o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial (BM), o Xapón é tras os Estados Unidos e a China o terceiro país con maior Produto Interior Bruto (PIB) do mundo (cuarto, contabilizando a UE). A industria tecnolóxica ou a automobilística levaron o país a altas cotas de riqueza. Porén, a burbulla financeira e inmobiliaria de finais da década de 1980 trouxo a partir de 1991 a chamada "década perdida". As consecuentes crises que afectaron o sistema capitalista mundial no século XXI arrástranse até hoxe, até o universo Covid-19.

A esquerda coalígase

A situación fixo que Yoshihide Suga, primeiro ministro nipón, presentase o pasado 3 de setembro a súa renuncia a liderar o país e o PLD. Un panorama que levou o principal partido da oposición, o Partido Democrático Constitucional (PDC, centroesquerda), a asinar un acordo co Partido Comunista (PC, cuarta forza no Parlamento), co Partido Socialdemócrata (PS), e con Reiwa Shinsengumio (esquerda antisistema) para crear unha fronte electoral común. A ONG Alianza Civil pola Paz e o Constitucionalismo tamén fai parte do acordo presentado na pasada cuarta feira, segundo informou o xornal nipón Nikkei.

Entre as medidas que propugna a coalición de esquerdas están a igualdade entre sexos, a transición a unha sociedade libre de combustíbeis fósiles e a transparencia. Tamén, a defensa da Constitución, que consideran foi conculcada coa lei de seguridade nacional introducida coa pandemia e que ─din─ ataca dereitos civís. Mais como ariete do seu programa electoral está a redución das disparidades económicas entre a cidadanía. 

De acordo cos últimos datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE), a taxa de pobreza no Xapón é de 15,7%, das máis altas entre as grandes economías. Ademais, malia que o desemprego segue a ser baixo, a porcentaxe de temporalidade aumentou nas últimas dúas décadas. No último ano, o paro medrou un punto porcentual, como tamén un punto medrou a taxa de suicidios, nun país cunha ampla cobertura social mais que ten difícil sostela polo progresivo envellecemento da poboación.

A coalición de esquerdas comprometeuse a desenvolver un sistema impositivo máis xusto para a maioría da poboación, recortando o IVE e facendo que os máis ricos paguen máis. 

Agardando polo "goteo"

No Xapón, baixo a doutrina do popular primeiro ministro Shinzo Abe (2012-2020), levouse a cabo un proceso de desregulación financeira. A idea era que as empresas pagasen menos impostos para que a través da "teoría do goteo", as clases populares acabasen por beneficiarse da bonanza das adiñeiradas. Porén, o resultado foi que na actualidade os ricos son máis ricos e as clases medias están a desaparecer.

Non o di a esquerda. Recoñéceo un dos candidatos a suceder a Suga. Fumio Kishida, ex ministro de Exteriores, presentou na cuarta feira o seu programa económico, onde defendeu a enésima refundación do capitalismo. "Sen distribución de riqueza non haberá un aumento do consumo e da demanda... non haberá máis crecemento", afirmou, e malia gabar os logros económicos de Abe asumiu que "o goteo aínda non se deu", segundo recolleu o xornal Mainichi Shimbun

O 29 de setembro o PLD elixirá o substituto ou substituta de Suga. Ademais de Kishida, ex ministro de Exteriores (2012-2017), tamén se postulou Sanae Takaichi, ex ministra do Interior (2019-2020). Ambos os dous, como Abe, están afiliados á organización ultraconservadora Nippon Kaigi, negacionista dos crimes de guerra contra a China e que se opón a igualdade entre sexos e aos dereitos LGTB.

Hoxe, segundo informou Kyodo, está previsto que tamén presente oficialmente a súa candidatura Taro Kono, actual ministro de Vacinación, moi activo en redes sociais e popular entre a cidadanía por, entre outras cousas, avogar pola cancelación dos Xogos Olímpicos para evitar riscos coa Covid-19. A axencia de noticias nipoa publicou o pasado domingo unha enquisa que o coloca como favorito, con 31,9%. 

O próximo líder do PLD será tamén, se a pequena fiestra non se abre algo máis, o próximo primeiro ministro do Xapón.

O dispar reparto da riqueza impulsa a esquerda en Noruega

As enquisas de opinión sitúan o Partido Laborista, actualmente na oposición, no camiño a desbancar do Executivo de Noruega a coalición de dereitas que lidera a primeira ministra Erna Solberg. Non obstante, precisará doutras formacións de esquerda para gobernar. Dous temas centran o debate público de cara ás eleccións desta segunda feira nun dos dez países con maior PIB per capita do mundo: a crise climática (é o maior produtor e exportador de petróleo e gas de Europa occidental) e a desigualdade crecente entre ricos e pobres: a taxa de crianzas que viven en fogares con baixos ingresos medrou de pouco máis de 3% en 2001 a case 12% en 2019, segundo o instituto estatístico noruegués; e mentres que os salarios se estancaron, o prezo da vivenda multiplicouse por seis nas últimas tres décadas.

Comentarios