O Xapón comeza a descarga ao Pacífico da auga contaminada de Fukushima a quinta feira

Protestas por parte da China, mariñeiros e ecoloxistas ante a decisión do Executivo nipón.
Fumio Kishida, a terza feira. (Foto: Rodrigo Reyes Marin / Zuma Press W / DPA)
photo_camera Fumio Kishida, a terza feira. (Foto: Rodrigo Reyes Marin / Zuma Press W / DPA)

Nunha xuntanza cos Ministerios implicados na xestión do accidente nuclear de 2011 na central de Fukushima, no Xapón, o primeiro ministro Fumio Kishida anunciou a terza feira que a partir de mañá será liberada gradualmente ao océano Pacífico a auga contaminada da planta atómica “se non hai ningunha condición meteorolóxica nin marítima que o impida”.

O líder xaponés incidiu en que conxuntamente con Tokyo Electric Power, a propietaria da central, o Executivo corroborou a “seguridade” da vertedura, polo que resolveron comezar coa descarga, nunha operación avalada polo Organismo Internacional de Enerxía Atómica, a axencia da Organización das Nacións Unidas encargada deste ámbito.

Esta auga foi utilizada durante o arrefriamento dos reactores danados e do combustíbel nuclear fundido hai máis dunha década a raíz dun terremoto e dun tsunami posterior. Logo, foi sometida a un proceso que elimina a meirande parte dos elementos radioactivos -mais non o tritio ou o carbono-14- e acumulada en tanques que xa ficaron ao bordo de alcanzar o seu límite de almacenamento. Nestes momentos hai máis dun millón de metros cúbicos de augas residuais radioactivas.

Greenpeace, que xa criticara o Goberno por “optar pola opción máis barata” e non “utilizar a mellor tecnoloxía dispoñíbel para minimizar o perigo”, cuestionou a decisión e que non se tiveran en conta as preocupacións de mariñeiros, cidadanía ou residentes en Fukushima, destacando que a comunidade científica alertou de que os riscos non foron avaliados correctamente e de que non se efectuou unha avaliación de impacto ambiental integral, ao que hai que engadir os problemas do sistema de filtración.

Un día antes, a Federación de Asociacións Cooperativas de Pesca do Xapón reiterou a súa negativa ao plan gobernamental.

O voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, Wang Wenbin, afirmou que “o océano é propiedade común de toda a humanidade, non un sumidoiro para que o Xapón bote auga con contaminación nuclear”, e instou a cancelar o plan.

Asemade, subliñou que tomarán “as medidas precisas para salvagardar o ambiente mariño, a seguridade alimentaria e a saúde pública”. Beijing anunciara que programaba prohibir a importación de produtos do mar de 10 prefecturas xaponesas, algo que Hong Kong aplicará de forma inmediata.

Unha medida semellante aplica Corea do Sur, que viviu protestas contra a política xaponesa, mais o Goberno comunicou que non ve problemas cos termos técnicos ou científicos do plan, días despois de asinar un pacto con Tokio e Washington para achegar posicións.

Comentarios