A China prohibe a importación de alimentos de 10 rexións xaponesas polas verteduras de Fukushima

Beijing desconfía das verteduras nucleares nipoas.
Autoridades surcoreanas analizaron esta sexta feira as verteduras nipoas (Foto: YNA / DPA).
photo_camera Autoridades surcoreanas analizaron esta sexta feira as verteduras nipoas (Foto: YNA / DPA).

A Administración Xeral de Aduanas da China vetou esta sexta feira a importación de alimentos procedentes de 10 rexións nipoas, debido á aparentemente inevitábel descarga ao mar da auga radioactiva tratada por parte de Tokio. Trátase do material utilizado para arrefriar os reactores da planta nuclear de Fukushima tras o accidente de 2011.

O organismo declarou que o plan do Goberno do Xapón, aprobado polo Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), "non reflicte plenamente as opinións dos expertos", polo que ten previsto tomar "todas as medidas necesarias" para garantir a seguridade dos consumidores chineses, preocupados pola seguridade dos alimentos xaponeses importados.

"As aduanas chinesas seguirán reforzando a detección e o control de substancias radioactivas, garantirán a seguridade dos alimentos xaponeses exportados á China e impedirán estritamente a importación de produtos de risco", sinala un comunicado da institución citado por SCMP

Así, para os produtos alimenticios procedentes doutras rexións do Xapón, especialmente os produtos do mar, as autoridades chinesas realizarán exames estritos dos documentos de acompañamento e someteranos a unha inspección especial.

Segundo unha enquisa realizada polo Global Times Research Center, 81% dos participantes procedentes de 11 Estados da rexión Asia-Pacífico, excepto o Xapón, afirmaron que o plan de liberar ao océano a auga procedente da central de Fukushima é un acto "irresponsábel".

Ademais, 87% dos enquisados dixeron que a súa actitude cara ao Xapón empeorou tras darse a coñecer o plan. Así mesmo, 94% dos participantes sinalaron que a medida terá un efecto negativo non só para o nipón, senón tamén para outros Estados do Pacífico e de todo o mundo.

Análise surcoreana

Por contra, o Goberno de Corea do Sur considerou esta sexta feira que o plan do Xapón para liberar a auga tratada da central nuclear de Fukushima ao mar cumpre cos estándares internacionais sempre e cando se desenvolva segundo o plan estabelecido.

Comentarios