Autoridades israelís agriden a poboación palestina no funeral da xornalista de 'Al Jazeera'

Durante o transporte do cadaleito, a policía tamén agrediu varias persoas que portaban bandeiras de Palestina.
Funeral da xornalista asasinada polo exército israelí. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)
photo_camera Funeral da xornalista asasinada polo exército israelí. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

As autoridades isrealís agrediron a poboación palestina de Xerusalén que participaba no funeral da xornalista de Al Jazeera Shireen Abu Akleh, asasinada polo exército de Israel.

Os asistentes ao funeral quixeron cubrir o cadaleito da xornalista cunha bandeira de Palestina. A acción foi denegada pola policía israelí, que procedeu a golpear varias das persoas que se atopaban alí, deixando decenas de feridos.

O cadáver de Abu Akleh, que recibiu un disparo na cabeza por parte dun soldado israelí mentres exercía de correspondente para o seu medio de comunicación, estaba custodiado no Hospital Saint Joseph, onde tiveron que ser atendidos moitos dos agredidos polas autoridades de Israel.

Durante o transporte do cadaleito, a policía tamén agrediu varias persoas que portaban bandeiras de Palestina.

Seguen as investigacións polo asasinato

Mentres tanto, as autoridades palestinas proseguen coa investigación do asasinato da xornalista 

Abu Akleh cubriu a pasada cuarta feira un ataque do exército israelí a poboación civil do campo de refuxiados de Yenin, en Cisxordania, cando foi asasinada dun disparo na cabeza.

Tanto 'Al Jazeera' como a Autoridade Nacional Palestina e a Liga Árabe culparon Israel do ocorrido, xa que a xornalista levaba un chaleco ía debidamente acreditada como integrante de prensa.

Pola súa parte, o primeiro ministro israelí, Naftali Benet, acusou nun primeiro momento milicianos palestinos do asasinato. Acusación que o seu propio Goberno tivo que matizar. 

Comentarios