Sen noticias de Pablo González case tres meses despois de ser detido: "Polonia non respecta os dereitos fundamentais"

O xornalista está acusado dun presunto delito de espionaxe contra o Estado polaco. O seu avogado, Gonzalo Boye, e a muller, Oihana Goiriena, non saben practicamente nada del nin do seu estado.
O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis)
photo_camera O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis)

O avogado e a muller do xornalista Pablo González lamentaron esta terza feira no Parlamento de Nafarroa a "falta de información" case tres meses despois da súa detención en Polonia por unha acusación de presunta espionaxe. O letrado, Gonzalo Boye, e a muller, Oihana Goiriena, compareceron a pedimento de PSN-PSOE, EH Bildu, Podemos e Ezkerra para informar sobre o arresto e incomunicación do xornalista vasco. Á sesión de traballo non acudiu Navarra Suma.

Gonzalo Boye expresou durante a sesión a súa "preocupación" pola situación de Pablo, "despois de case tres meses de detención e na práctica incomunicación", tendo en conta que Oihana Goiriena "non puido falar co seu marido" e el como avogado tampouco puido "falar con el nin visitalo".

O avogado explicou que inicialmente se lles explicara "que era unha acusación por espionaxe e que fora detido polos servizos secretos polacos". "Soubemos dalgunhas incidencias procesuais sen maior información. En dúas semanas cúmprense os tres meses de prisión provisional que inicialmente se acordaron e non sabemos se se van a prorrogar ou non, seguimos sen saber o contido da acusación, nin cal é a razón legal para que un avogado previamente designado por Pablo non o poida visitar, nin cal é a razón legal para que a súa propia familia non poida comunicar directamente con el, porque non pode recibir nin cartas, nin chamadas, nin visitas", afirmou.

Boye asegurou que, "a excepción do cónsul español, o resto de autoridades españolas non parecen preocupadas pola situación de Pablo, nin tampouco fan grandes esforzos para restablecerlle uns dereitos básicos, o primeiro o de presunción de inocencia".

"As autoridades españolas deberían exixir ás polacas que se garantise o acceso á familia, a unhas comunicacións mínimas e tamén un acceso a un avogado de libre elección", afirmou. Boye subliñou que "tres meses de incomunicación é unha bestialidade porque pode ser utilizado, e non me cabe dúbida de que é a intención das autoridades polacas, para tentar modificar a vontade de Pablo González".

O letrado explicou que "as autoridades polacas pediron unha documentación", que eles traduciron e enviaron. "E despois pedíronnos máis documentación e que fose traducida por un tradutor xurado. Envióuselles e a resposta foi o silencio", afirmou, para insistir en que non dispoñen de máis información do caso.

"Co código penal polaco na man estamos a falar dunha relevante pena de prisión que debería basearse nun proceso debido", dixo. Con todo, asegurou que "aquí non respectaron unha soa norma europea en materia de dereitos fundamentais de trato a persoas en prisión, non respectaron unha soa das normas da carta de dereitos fundamentais en materia de procesos coas debidas garantías".

Pola súa parte, Oihana Goiriena explicou que leva "case tres meses sen falar" co seu marido e el leva "case tres meses sen falar coa súa muller e os seus fillos". "Non podemos falar con el, sabemos que non lle fan chegar as nosas cartas, a incomunicación é practicamente total e iso pódelle afectar o seu estado moral e anímico, e non me parece moi xusto", sinalou.

Goiriena precisou tamén que o cónsul español "é o único medio de información semidirecta" que teñen. "A través del fágolle chegar mensaxes, pero só o visitou dúas veces e só dúas veces soubo de nós. O que sabemos del é moi pouco, que está ben de saúde, que está ben de ánimos, que está forte dentro do que cabe e nada máis, non se nos pode dicir nada máis e iso é moi duro", afirmou.

Comentarios