As forzas israelís matan dun disparo unha xornalista de 'Al Jazeera'

O medio de comunicación sostén que a morte de Shiriin abu Aklé foi un "asasinato a sangue frío" que busca "silenciar" o seu labor informativo, un obxectivo que, dixeron os seus compañeiros xornalistas, "non lograrán".
A reporteira Shiriin abu Aklé, en Cisxordania. (Foto: AFP)
photo_camera A reporteira Shiriin abu Aklé, en Cisxordania. (Foto: AFP)

As autoridades palestinas informaron a primeira hora desta cuarta feira da morte da xornalista de Al Jazeera Shiriin abu Aklé a mans das forzas israelíes, que lle proferiron un disparo na cabeza na localidade cisxordana de Yenín.

A reporteira achábase nun campo de refuxiados cubrindo os enfrontamentos entre manifestantes palestinos e o Exército de Israel, que non dubidaron en abrir fogo tanto contra eses mozos como contra os equipos de prensa alí presentes, segundo a axencia de noticias Maan.

Xornalistas acompañaron no hospital a súa compañeira asasinada. (Foto: AFP)
Xornalistas acompañaron no hospital a súa compañeira asasinada. (Foto: AFP)

Os militares israelís xustificaron os disparos alegando que previamente "sospeitosos armados" abriran fogo contra eles. Porén, desde Al Jazeera non dubidan en responsabilizar Israel deste mortal ataque, que cualifica de "asasinato a sangue frío".

"Nun tráxico asasinato premeditado que viola as leis e normas internacionais, as forzas de ocupación israelís, a sangue frío, mataron a nosa reporteira Shirín abu Aklé", manifestou o medio de comunicación, que lamentou que este tipo de feitos buscan "impedir que a prensa faga o seu traballo".

"Queren silenciarnos, mais non o conseguirán", din desde 'Al Jazeera'

O director executivo do medio, Giles Trendle, asegurou que o equipo está "impactado e moi triste" polo sucedido en Cisxordania. "Como xornalistas, seguimos adiante; a nosa misión é facelo. Non seremos silenciados pese aos intentos de silenciarnos", apuntou.

Pola súa parte, o Goberno israelí asegurou que o Exército "está a investigar o ocorrido, en particular a posibilidade de que unha xornalista fose alcanzada por fogo real dun palestino", dixeron, se ben as imaxes difundidas nas últimas horas confirman a súa morte a mans das forzas de Israel.

"Como poden imaxinar, isto é un shock para os xornalistas que estiveron traballando con ela", sinalou Nida Ibrahim, unha compañeira súa sobre o terreo, correspondente que falou desde a cidade de Ramala, segundo informou Al Jazeera.

As forzas israelís están a intensificar os ataques nesta rexión. Arredor dunha trintena de palestinos morreron nos últimos días a mans de Israel e outros tantos foron detidos polas autoridades policiais no que denominan "operacións de contraterrorismo". Un mozo palestino de 18 anos foi asasinado tamén en Yenín hai escasos días.

Comentarios