Arxentina prepara a primeira folga xeral contra Milei

O movemento sindical fixará na cuarta feira a data da convocatoria.

CTA
photo_camera Os dirixentes das dúas CTA avanzando a folga xeral. (Foto: CTA)

Arxentina prepárase para a primeira folga xeral contra o Goberno de Javier Milei. As dúas pólas da Central de Traballadores Arxentinos (CTA) porán data esta cuarta feira a un paro nacional contra as medidas gobernamentais, que con case total seguridade apoiará a primeira forza sindical do país, a Confederación Xeral dos Traballadores (GXT), de orientación peronista.

A CTA Autónoma e a CTA dos Traballadores, que conforman no seu conxunto a segunda forza sindical da Arxentina, anunciaron a convocatoria dunha folga xeral co obxectivo de responder na rúa ao paquete de medidas económicas de orientación neoliberal do novo Executivo de dereitas de Javier Milei.

O histórico dirixente da CTA dos Traballadores Hugo Yasky asegurou que “non nos van amedrentar coa represión, nin coas forzas de seguridade”. Neste punto, lembrou que “este pobo sufriu ditadura e saíu adiante; a clase traballadora ten 30.000 desaparecidos. Non nos amedrentan”.

Yasky afirmou que “nin sequera na época da ditadura se tentou chegar tan lonxe” e avanzou que “vivir na Arxentina vai ser un inferno”, salvo para “os ricos, que están de festa e aplauden”. Neste punto, recalcou que “se a política é condenar á fame o pobo arxentino e se baixar a inflación é afundir os salarios, imos saír ás rúas”.

CTA Autónoma

O seu homólogo da CTA Autónoma Hugo Cachorro Godoy, antigo líder do poderoso sindicato dos traballadores públicos, sinalou que as propostas de Milei “violan máis de 300 leis e dereitos, e arrasan co Congreso”.

Nesta dirección, puxo de manifesto que “o paquete do Goberno é unha bomba neutrónica que quere arrasar coa Arxentina, as institucións da república e todos os dereitos que durante anos fomos capaces de construír”.

Cachorro remarcou que “a soberanía e a xustiza social son os piares fundamentais” da sociedade e do movemento obreiro, e sostivo que “ante a crise que atravesa a Arxentina, a única saída non pode ser volver ás peores políticas neoliberais”.

Os dous dirixentes sindicais indicaron que manteñen conversacións moi avanzadas coa GXT para que se sume á folga xeral. Neste sentido, expresaron o seu optimismo de que o sindicato peronista apoie o paro nacional.  Ao tempo, o movemento piqueteiro confirmou a súa presenza na folga.

Comentarios