Estas polémicas medidas de Milei na Arxentina enfrontan a primeira gran protesta

80 organizacións convocaron unha mobilización mañá en Bos Aires.
O presidente arxentino, Javier Milei. (Foto: Guido Piotrkowski / DPA)
photo_camera O presidente arxentino, Javier Milei. (Foto: Guido Piotrkowski / DPA)

Até 80 asociacións en defensa dos dereitos humanos, sindicatos, organizacións políticas progresistas e entidades sociais fixeron un chamamento a participar mañá en Bos Aires na primeira mobilización masiva contra as políticas do presidente de extrema dereita arxentino, Javier Milei, que tomou posesión hai unha semana e media.

Eduardo Belliboni, dirixente da organización social Polo Obrero, denunciou que o “plan de axuste brutal contra os traballadores claramente nos obriga a saír a protestar", posto que está a deixar “milleiros de familias sen comida, os xubilados na indixencia e os asalariados a punto de perder o seu traballo”.

Escalada de prezos

O certo é que os produtos básicos incrementaron o seu prezo entre 40% e 50% desde a chegada de Milei, con alzas de 100% en certos produtos, unha cifra que superou a escalada de prezos da gasolina no último mes, todo isto no marco dunha desvalorización de máis de 50% do valor do peso e da redución nos subsidios ao transporte ou á electricidade.

Represión

Con fin de limitar a participación na manifestación de hoxe e de evitar a contestación social, o Executivo de Milei lanzou un novo regulamento no que permite ás forzas de seguridade actuar contra os cortes de rúas sen orde xudicial, permitíndolles portar armas de fogo.

Tamén estabelece que se perseguirá ás organizacións detrás da convocatoria para que paguen os custos do operativo policial, o que foi denunciado por organizacións de dereitos humanos por non respectar os dereitos elementais recollidos pola Constitución.

Ademais, Sandra Pettovello, ministra de Capital Humano, afirmou que quitarán as axudas sociais ás persoas que participen en cortes de rúas, axudas que benefician a metade da poboación.

Comentarios