Esténdense as cazoladas de protesta contra as medidas de Milei na Arxentina

A CXT convoca unha mobilización a cuarta feira e impugnará o decreto.
Protestas na madrugada de hoxe en Bos Aires, a capital arxentina. (Foto: Mariana Nedelcu / SOPA Images via / DPA)
photo_camera Protestas na madrugada de hoxe en Bos Aires, a capital arxentina. (Foto: Mariana Nedelcu / SOPA Images via / DPA)

Por segunda noite consecutiva, milleiros de arxentinas e arxentinos saíron ao longo do territorio na madrugada de hoxe a manifestarse no medio de cazoladas contra as políticas neoliberais impulsadas polo presidente de extrema dereita Javier Milei.

As medidas benefician as grandes empresas e afectan principalmente a clase traballadora, reducindo as indemnizacións por despido, limitando a folga ou abrindo a porta á privatización de empresas públicas, logo de admitir o mandatario que a “situación empeorará” no curto prazo, mais insistindo en que isto levaría á “reconstrución” do país.

Represión

En Córdoba, as forzas de seguridade lanzaron bombas lacrimóxenas e dispararon balas de goma contra as persoas que se mobilizaron, ás que tamén golpearon, para intentar acabar coas protestas.

A ministra de Seguridade, Patricia Bullrich, que lanzou un novo regulamento para minimizar a contestación social ás novas medidas, sostivo que unha vez calculado o custo do operativo das forzas de seguridade a pasada cuarta feira en Bos Aires, na primeira gran protesta contra Milei, remitirao ás organizacións sociais que convocaron a mobilización e forzará que o paguen.

Novas mobilizacións

O principal sindicato do país, a Confederación Xeral do Traballo, reuniu a súa dirección e convocou unha manifestación a vindeira cuarta feira en Bos Aires, ao tempo que presentará unha demanda para que a Xustiza declare inconstitucional o decreto de necesidade e urxencia sancionado por Milei.

Este tipo de decreto é un recurso para circunstancias extraordinarias mais que el usou para eliminar ou modificar máis de 300 normas simultaneamente ante o pouco peso da ultradereita no lexislativo, que pode derrogalo se o rexeitan as dúas Cámaras.

Comentarios