Opinión

Pequena síntese da historia dos Dereitos Humanos en Arxentina

Despois da ditadura militar (1976-1983), o primeiro goberno elixido nas urnas foi o do Dr. Raúl Alfonsín, representante do partido Radical e descendente de galeg@s, por unha maioría significativa. Ao pouco de comezar creou a CONADEP (Comisión Nacional da Desaparición de Persoas), conformada por “notábeis” de diferentes sectores da realidade arxentina: escritores, integrantes de antigos organismos de DDHH...

Despois da ditadura militar (1976-1983), o primeiro goberno elixido nas urnas foi o do Dr. Raúl Alfonsín, representante do partido Radical e descendente de galeg@s, por unha maioría significativa. Ao pouco de comezar creou a CONADEP (Comisión Nacional da Desaparición de Persoas), conformada por “notábeis” de diferentes sectores da realidade arxentina: escritores, integrantes de antigos organismos de DDHH... Co obxectivo de que aquelas persoas que tivesen un familiar desaparecido puidesen denuncialo alí. Fixeron tamén inspeccións nos distintos CCD (Centros Clandestinos de Detención). A finais desta longa recollida da testemuños e demais accións, víronse reflectidos nun exhaustivo informe e plasmados nun libro, Nunca más, onde incluían os seguintes datos estatísticos: data, lugar do secuestro, ocupación ou idade, de cada unha das desaparicións.

Durante o seu goberno promoveu outro feito de grande importancia, como foi o xuízo das xuntas militares. Nunca antes houbera xuízos de militares golpistas, mesmo contando Arxentina con tantos, sufridos periodicamente desde tempos remotos.

Cómpre destacar que naquela época a cúpula militar da represión contaba cos seus integrantes no pleno: exército, mariña, aviación, policía militar, policía federal, policías provinciais, xendarmaría... Resumindo, os militares tiñan na súa man a decisión se consideraban facer outro golpe en calquera momento. De feito, ese presidente tivo que ceder logo de 4 golpes de estado. Con todo, hai que destacar que os xuízos dos principais mandos militares continuaron adiante.

A consecuencia destes e doutros poderosos grupos de presión viuse na obriga de retroceder no seu camiño promovendo as leis de “Punto Final” e “Obediencia de vida” que, aínda que continuaban cos xuízos, permitían certa xustificación canto ao “tope” nas investigacións para non chegaren máis alá dos militares implicados no golpe.

Tempo antes do golpe xa existían organismos de dereitos humanos, como a LADH (Liga arxentina de dereitos humanos) constituída arredor do ano 1935, o MEDH (Movemento ecuménico de dereitos humanos) integrado por representantes dos diferentes credos relixiosos con fieis en Arxentina, ou a APDH (Asemblea permanente polos dereitos humanos). Despois, en paralelo coa situación de represión, continuaron formándose outras asociacións de DDHH. Algunhas destas de acordo co vínculo que as persoas familiares tiñan coa desaparecida ou desaparecido. No inicio lentamente, mais despois alcanzouse unha multiplicación bastante máis acelerada: Nais da praza de Maio, Avoas de praza de Maio, a un ano do inicio da ditadura. Máis tarde nace o CELS (Centro de estudos legais e sociais); o primeiro presidente, Emilio Mignone, tiña unha filla desaparecida: Mónica. Proviñan dunha familia católica practicante, a rapaza daba aulas de apoio escolar a crianzas da vila miseria na Cidade de Buenos Aires, onde tamén ensinaba relixión nunha pequena capela, dentro da mesma vila. Todos estes datos foron confirmados no xuízo. A AEDD (asociación de ex detid@s desaparecid@s) ou Familiares de desaparecid@s.

Un avance moi importante foi a constitución do EAAF (Equipo arxentino de antropoloxía forense), cuxo obxectivo é a exhumación e recoñecemento de restos humanos. Posúe un arquivo de mostras de sangue dos familiares. Creouse o Banco nacional de datos xenéticos, cun arquivo dirixido especialmente ao recoñecemento das crianzas apropiadas. Tamén Irmáns de desaparecid@s pola verdade e a xustiza, Fill@s...

Comezaron tamén a perfilarse innúmeras organizacións sociais en todo o país.

Entre as organizacións exixindo e o pobo nas rúas constantemente, o goberno non podía ficar atrás. É así como se foron ditando leis de recoñecemento da situación das persoas desaparecidas: a primeira forma legal “ausencia con presunción do pasamento” para dar logo outra de maior precisión como a “morte presunta”, mudándoa despois pola de “desaparición forzosa” até determinar a figura legal da persoa desaparecida.

Destinaron unha partida orzamentaria en concepto de indemnización, polo crime do cal o estado se recoñecía responsábel, para o familiar máis próximo.

Nos anos '90, durante o goberno do Dr. Carlos Menem, peronista, aumentou a involución dos logros do anterior goberno, ditando a terríbel (e sinistra) lei do indulto. Rematando así a posibilidade de investigar e deixando libres os culpábeis.

Mais foi durante o goberno dos Kirchner, desde 2003, dúas veces Néstor Kirchner e agora Cristina Fernández, xa no seu segundo mandato, quen aplicaron accións decisivas e constantes en relación ca loita polos dereitos humanos. Entre outras cousas, entregaron os edificios e o predio da ex Esma a organismos e crearon o IEM (Instituto espazo para a memoria), o Arquivo nacional da memoria, onde converxen todos os datos que se tiñan almacenados nos diferentes arquivos do país sistematizados dixitalmente.

Arxentina convértese nunha referencia internacional na loita polos dereitos humanos, dado que a inicia case a comezos da democracia, despois da ditadura militar, e a mantén até hoxe. E, sen dúbida, o feito de ter neste momento 300 represores condenados cumprindo condena, ademais de outros 900 que están sendo xulgados. Cómpre destacar tamén o tema das crianzas apropiadas, pois tendo en conta que a 500 delas se lles trocou a identidade, a 105 xa se lles restituíu. Doutra banda, o texto da sentenza do “plan sistemático de apropiación de crianzas” da xuíza Roqueta ficará nos anais da historia da xustiza mundial.

Noemí Fernández Durán

Comentarios