Arnaldo Otegi denuncia que o 'Caso Bateragune' constituíu 'lawfare' contra o independentismo vasco

O PP racha o silencio sobre a 'Operación Catalunya'.
Arnaldo Otegi (EH Bildu), hoxe. (Foto: Unanue / Europa Press)
photo_camera Arnaldo Otegi (EH Bildu), hoxe. (Foto: Unanue / Europa Press)

O “Caso Bateragune” está integrado no lawfare -o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos- contra o independentismo vasco e nunha tentativa do Estado español de impedir que “a violencia armada de ETA desaparecese da ecuación política deste país”, recalcou hoxe o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, que fixo énfase en que pretendía “neutralizar” o potencial político do movemento de liberación nacional de Euskal Herria.

A comparecencia produciuse 24 horas despois de que o Tribunal Constitucional español anulara a decisión do Tribunal Supremo de volver xulgar Otegi e catro líderes independentistas pola mesma causa. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciou que non tiveron un xuízo xusto pola parcialidade dunha das maxistradas involucradas no litixio, Ángela Murillo.

Otegi e outras catro persoas foron condenadas a entre seis anos e seis anos e medio de prisión, que cumpriron de forma íntegra, tras ser acusadas no ‘Caso Bateragune’ de pertencer a un grupo terrorista ao intentar reconstruír a formación soberanista Batasuna logo de ser ilegalizada polo Estado español. O xuízo decorreu cando ETA xa declarara un alto o fogo permanente.

‘Operación Catalunya’

No que atinxe á ‘Operación Catalunya’, impulsada polo Goberno español de Mariano Raxoi e o Partido Popular (PP) entre 2011 e 2018 para espiar ilegalmente dirixentes independentistas cataláns e falsificar probas que foron remitidas a medios afíns para tratar de desacreditalos, o PP rompeu o silencio sobre a cuestión que mantivo desde a segunda feira, cando os xornais elDiario.es, La Vanguardia e ElNacional.cat comezaron unha serie de publicacións que ratificaron a existencia da conspiración e a implicación nela do propio Raxoi.

O voceiro dos conservadores no Congreso, Miguel Tellado, cualificouna como unha “cortina de fume” para deixar en segundo plano a tramitación parlamentaria do proxecto de lei orgánica de amnistía, insistindo en que o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, non tiña responsabilidades na formación naqueles anos, aínda que xa se desempeñaba como presidente da Galiza desde 2009 e do PP galego desde 2006.

Amnistía

Ao respecto da amnistía, a vicepresidenta primeira e titular de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero, afirmou que contan con informes que avalan “perfectamente” a constitucionalidade da norma. Previamente, transcendera un documento do equipo xurídico da Comisión de Xustiza do Congreso no que cuestionaba a súa legalidade.

Comentarios