As cifras da barbarie: un ano do xenocidio en Gaza, o primeiro retransmitido en directo na historia

A destrución sistemática da Faixa de Gaza e da súa poboación por parte de Israel alcanza o seu primeiro exercicio sen visos de que vaia rematar cedo ante o apoio occidental ao réxime sionista, que está estendendo a agresión militar ao Líbano e o resto da rexión. Joe Biden recibiu o primeiro aviso de violacións de dereitos humanos o 13 de outubro de 2023.
Nena desnutrida en Gaza polas limitacións israelís ao acceso de alimentos. (Saher Alghorra / ZUMA Press Wire / d  / DPA vía Europa Press)
Nena desnutrida en Gaza polas limitacións israelís ao acceso de alimentos. (Saher Alghorra / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)

O 13 de outubro de 2023, Dana Stroul, daquela subsecretaria adxunta de Defensa para Oriente Medio dos Estados Unidos, remitiu un correo electrónico a altos asesores do presidente Joe Biden, revelou a sexta feira a axencia Reuters. Nel, cando Israel levaba unha semana bombardeando Gaza e xa ordenara a “evacuación” dun millón de persoas do norte da Faixa, advertía que “a evacuación masiva sería un desastre humanitario e podería violar o dereito internacional, o que daría lugar a cargos por crimes de guerra contra Israel”. Stroul baseábase nun informe do Comité Internacional da Cruz Vermella que a deixou “xeada até os ósos”.

Esta é a primeira advertencia coñecida —e ignorada— no interior da Administración Biden sobre os masivos crimes de guerra que cometeu Israel en Gaza, e que para persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) trátanse dun xenocidio e dunha limpeza étnica, a terceira dos sionistas contra o pobo palestino desde 1948.

A pesar disto, os Estados Unidos seguen a apoiar, armar e brindar cobertura diplomática a un Israel cada vez máis illado, permitindo o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, incluso espallar a guerra na rexión co fin de garantir a súa supervivencia política.

A segunda feira fanse 365 días desde a operación da resistencia palestina de Gaza en territorio israelí, que acabou coa sensación de seguridade sionista froito de décadas de impunidade e devolveu ao primeiro plano a loita contra a opresión do réxime de apartheid sionista, na que foron detidas máis de 240 persoas, incluídas militares, co fin de seren intercambiadas polos milleiros de palestinas e palestinos presos en cárceres israelís.

A ofensiva produciuse após a intensificación da represión israelí contra a Palestina ocupada nos meses anteriores, todo isto no marco do sistema supremacista que beneficia as persoas de relixión xudía en Israel. No ataque foron asaltadas posicións militares e asentamentos sionistas, e morreron 1.139 persoas. Arredor dun terzo eran soldados e membros das forzas de seguridade israelís, e os datos oficiais non diferencian civís de reservistas militares, categoría na que entra case toda a poboación, obrigada a facer o servizo militar.

Mentres rexeitaba as propostas de negociar o intercambio da forza gobernamental en Gaza, Hamás, o Executivo de ultradereita ordenou o lanzamento das primeiras series de bombardeos indiscriminados contra a poboación civil da Faixa, que precederon a unha invasión terrestre do territorio co obxectivo declarado de destruír Hamás e liberar as persoas israelís presas en Gaza. Ningún dos dous foi cumprido.

A piques de facerse un ano, e con declaracións no seo do Goberno israelí que apuntan á súa intención de matar ou expulsar o pobo palestino da Faixa como fixeron anteriormente noutras partes de Palestina, cando menos 41.802 persoas foron asasinadas en Gaza por Israel. Porén, o número real é probabelmente máis alto, con 10.000 persoas baixos os cascallos dos edificios destruídos polos ataques segundo as estimacións da ONU. A isto hai que engadir como mínimo 96.844 persoas feridas. O que é seguro é que cando menos 16.700 crianzas foron asasinadas, entre elas 710 bebés que acababan de nacer.

Israel sostén que matou 17.000 combatentes da resistencia. Non obstante, outorga este cualificativo a cada home asasinado en Gaza.

O Centro de Satélite da ONU detectou que 66% do total de estruturas construídas na Faixa foron danadas ou destruídas, entre elas 227.591 unidades de vivenda, case 60% das existentes no enclave. De 36 hospitais apenas 17 funcionan parcialmente, todos con falta de combustíbel, subministracións médicas ou auga potábel.

Dos 2,1 millóns de persoas que residen na Faixa como mínimo 1,9 millóns tiveron que fuxir do seu fogar para salvar a vida, e máis de 2 millóns “carecen de protección, alimentos, auga, saneamento, vivenda, atención médica, educación, electricidade, combustíbel ou as necesidades básicas para sobrevivir”, detalla a Organización Mundial da Saúde (OMS). Con todo, os campos improvisados con tendas de campaña nos que sobreviven tamén son bombardeados.

Ademais de demoler a infraestrutura civil e arrasar case 80% das terras agrícolas, Israel tamén puxo énfase nas escolas, 84,5% foron danadas ou destruídas, ou universidades e no patrimonio cultural, destruíndo todos os xacementos arqueolóxicos do norte de Gaza, os arquivos, o museo e a biblioteca principal do territorio.

Tamén apuntou contra convois de axuda humanitaria e até grupos de persoas que se reunían para lograr conexión a internet ou pan, xunta institucións como o Parlamento, igrexas e mesquitas, incluída a Gran Mesquita de Gaza.

O carácter sistemático da destrución de Gaza levou Oxfam a calcular que cada catro horas é bombardeada unha vivenda, cada 17 tendas de campaña e refuxios temporais, cada catro días escolas e hospitais e cada 15 puntos de distribución e almacéns de axuda humanitaria.

En abril Israel xa lanzara 70.000 toneladas de bombas contra Gaza, máis que as usadas nos bombardeos de Londres, Dresde e Hamburgo xuntos na Segunda Guerra Mundial.

Irán chama as musulmás a unirse contra os sionistas

O xefe de Estado iraniano, o aiatolá Ali Khamenei, defendeu a sexta feira o dereito do país a defenderse, en alusión á represalia desta semana contra Israel, e fixo un chamamento ao mundo musulmán a unirse contra o réxime de apartheid. Amais, o titular de Exteriores, Abas Araqchi, chegou ao Líbano no medio dos ataques israelís con 10 toneladas de axuda humanitaria, onde reiterou a súa solidariedade co país.

En paralelo, Israel bombardeou unha estrada que era o principal punto polo que 160.000 persoas cruzaron de Líbano a Siria fuxindo da violencia sionista. Pola súa parte, a ONU rexeitou a demanda israelí de retirar os máis de 10.000 soldados internacionais que patrullan os lindes no Líbano, nos que Hezbolá está a conter o intento de invasión israelí.

Ao tempo, na Cisxordania ocupada os sionistas están a consolidar o uso de estratexias de guerra, matando 18 persoas no primeiro ataque aéreo desde un caza desde 2006. 

Galiza sae á rúa en defensa de Palestina

Co apoio de 150 entidades, a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina convocou para o domingo unha manifestación nacional en Compostela para exixir a fin do xenocidio e o respecto á soberanía de Palestina e o Líbano, coincidindo con protestas similares convocadas no mundo.

Comentarios