Israel prepara unha invasión e dá 24 horas para desaloxar un millón de persoas nunha Gaza asediada e sen subministros

Nesta parte do territorio gazatí reside máis dun millón de persoas. "Sen luz, sen auga, con constantes ataques aéreos. A noite en Gaza está máis perto do inferno que da vida", alertan desde Nacións Unidas.
Israel situou máis de 300.000 soldados nas proximidades da Faixa de Gaza, albo de numerosos bombardeos nas últimas horas. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA)
photo_camera Israel situou máis de 300.000 soldados nas proximidades da Faixa de Gaza, albo de numerosos bombardeos nas últimas horas. (Fotos: Europa Press)

A invasión terrestre que se vén preparando na última semana. O Exército de Israel deu na madrugada desta sexta feira un prazo de 24 horas á poboación gazatí para desaloxar o norte da Faixa, onde residen máis dun millón de persoas. "É o momento da guerra", advertira xa na quinta feira o ministro de Defensa, Yoav Gallant. Só será posíbel regresar "cando unha nova notificación [das Forzas Armadas israelitas] o confirme" e, polo de agora, ordenan que marchen cara ao sur de Gaza. Desde a ONU, porén, alertan de que é "imposíbel" que tal movemento de persoas "non teña consecuencias humanas devastadoras".

Hamás, a milicia que controla Gaza, cualificou o anuncio de evacuación de "propaganda". "A ocupación trata de difundir propaganda falsa a través de varios medios para crear confusión entre os cidadáns e socavar a estabilidade da nosa fronte", afirmaron, ao tempo que cualificaron o chamamento israelita de "delirante" e engadiron que "as escenas de migracións e desprazamentos do pasado non se repetirán a excepción do regreso vitorioso do pobo á súa terra ocupada". Polo de agora, porén, máis de 420.000 palestinos víronse obrigados a abandonar xa os seus fogares.

As Forzas de Defensa de Israel informaron do ataque só durante a pasada noite de 750 "obxectivos militares", entre os que mencionan "túneles subterráneos, complexos militares e domicilios de altos funcionarios de Hamás que facían de cuartel xeral", así como "depósitos de armas e salas de comunicacións".

Pola súa parte, o portavoz de Nacións Unidas, Stéphane Dujarric, fixo un chamamento a deter "calquera orde deste tipo", en alusión ao prazo de 24 horas para o desaloxo, pois podería "transformar o que xa é unha traxedia nunha situación calamitosa". "Os terroristas de Hamás agóchanse na cidade de Gaza dentro de túneles debaixo das casas, e dentro de edificios poboados por civís inocentes", xustificaron desde o Exército israelita, en alusión aos recentes bombardeos sobre infraestruturas civís como universidades ou mesquitas.

Tamén os hospitais foron albo de ataques nas últimas horas e, en total, máis dunha vintena de instalacións da ONU víronse afectadas. Esta quinta feira a única central eléctrica de Gaza quedou sen combustíbel, provocando un apagón en toda a Faixa. "Sen luz, sen auga, con constantes ataques aéreos. A noite en Gaza está máis perto do inferno que da vida", lamenta a Axencia de Nacións Unidas para Refuxiados Palestinos (UNRWA, en inglés).

Desde esta organización falan "alto e claro": "Os civís nunca poden ser un obxectivo. As imaxes que estamos a ver estes días de Gaza énchennos de dor, e a poboación civil non pode máis. Cada noite é peor que a anterior". O balance de falecidos na Faixa supera xa os 1.500, segundo as últimas cifras achegadas polo Ministerio de Saúde. Entre eles hai 500 crianzas. Aliás, outras 6.600 persoas resultaron feridas de diversa consideración —1.644 menores—. Alén de Gaza, o conflito cobrouse a vida duns 1.300 israelitas e máis dun cento foron secuestrados.

Expertos da ONU urxen o cesamento inmediato da violencia e pór fin á ocupación militar de Israel

A raíz da escalada do conflito, un grupo de persoas expertas da ONU urxe unha "redución inmediata das tensións" nesta rexión e unha "resposta efectiva" por parte da comunidade internacional que estea baseada "no dereito internacional, a protección da igualdade de dereitos e a igualdade de todos". A curto prazo, piden o fin das violacións de dereitos humanos e un alto o fogo mutuo e a liberación de todos os reféns israelitas e dos palestinos detidos de forma arbitraria en Israel. Tamén exixen axuda financeira e humanitaria para os milleiros de persoas afectadas e a creación de corredores humanos para a cidadanía gazatí.

O grupo de expertos da ONU non dubida tamén en sinalar directamente o Goberno de Benjamin Netanyahu: "Rachar o ciclo de violencia en Israel e o territorio palestino ocupado é primordial. Os ataques armados e as respostas militares xa demostraron ser incapaces de lograr a seguridade e o respecto dos dereitos humanos. Debe prevalecer o restabelecemento da legalidade internacional, a rendición de contas e o respecto pola humanidade e a dignidade de todos, incluído o fin dos 56 anos de ocupación militar de Israel".

Comentarios