Galiza sae ás rúas en solidariedade con Palestina cando se fai un ano da agresión de Israel contra Gaza
Centos de manifestacións percorrerán as rúas de vilas e cidades de arredor de todo o mundo en solidariedade co pobo Palestino cando se fai un ano do comezo da brutal ofensiva de Israel contra a Faixa de Gaza.
Cando se fai un ano do comezo da brutal ofensiva de Israel contra a Faixa de Gaza, na que segundo as autoridades gazatís foron asasinadas perto de 42.000 persoas, e coincidindo coa intensificación do conflito cos ataques do Estado israelí contra o Líbano ou o Iemen, unha vaga de solidariedade co pobo palestino percorrerá as rúas de vilas e cidades arredor de todo o mundo.
Entre elas, desde a alameda de Compostela partirá ás 12 horas unha manifestación este domingo, 6 de outubro, convocada pola Coordinadora de Solidariedade Galega con Palestina. Unha convocatoria que se suma ás que decorreron nos últimos 11 meses, pois o movemento galego de apoio a Palestina leva perto dun ano “organizando concentracións e numerosas actividades de denuncia do xenocidio en Gaza e da ocupación de toda Palestina”.
Será unha manifestación na que se denunciará a agresión desmedida e inhumana que soporta o pobo palestino, non só desde o 7 de outubro, senón desde hai 76 anos. Desde a coordinadora galega condenan Israel polas súas "prácticas de violencia extrema" que deixan moitas máis das 40.000 vítimas mortais que están confirmadas. "Falamos de milleiros de desaparecidas e de milleiros de feridas e enfermas que non teñen posibilidade de atención médica".
O movemento Galiza con Palestina denuncia os chamamentos de altos cargos israelís ao xenocidio total en Gaza e á limpeza étnica de toda a Palestina. "Estes chamamentos nos pasados días tiveron como resultado operacións militares en Cisxordania, numerosos asasinatos, secuestros e destrución de zonas urbanas".
Neste sentido destacan que os ataques por terra e aire en Jenín, Nablus, Tulkarén e Tubas tiveron como obxectivo principal os campos de refuxiados, incluíndo ataques a persoal médico e a xornalistas que tentaban informar.
A coordinadora galega denuncia, ademais, que desde outubro de 2023 máis de 652 palestinas foron asasinados fóra de Gaza, incluídas 151 crianzas, máis de 3.300 desprazadas e unhas 12.000 detencións arbitrarias. "Estas son ás verdadeiras reféns, as secuestradas polo exército de ocupación israelí e os colonos".
Condenan, ademais, a Unión Europea “pola súa vergoñenta pasividade”, así como o Goberno de España “que por un lado recoñece o estado de Palestina, mais non cesa o comercio de armas nin aplica accións inmediatas. E non podemos esquecer o goberno galego, quen non foi capaz de aprobar unha declaración institucional pola Palestina e oculta as numerosas conexións e acordos comerciais con Israel".
A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina urxe a unión de todas as institucións deberían para "actuar con contundencia e romper os acordos académicos, comerciais, económicos e as relacións diplomáticas con Israel". Estas son as “únicas medidas efectivas para parar o xenocidio” do pobo palestino, polo que fan un chamamento urxente ao pobo galego para se mobilizar nunha grande manifestación nacional o vindeiro domingo en Compostela.

