Alumnado, profesorado e familias bretoas mobilízanse na defensa dos seus dereitos lingüísticos

Centros de ensino na Bretaña acolleron concentracións para denunciar as limitacións ao bretón nas probas do DNB, certificado que valora os coñecementos e competencias de alumnos e alumnas de ensino secundario.

DIWAN
photo_camera (Foto: Diwan)

Estudantes de ensino medio da rede de ensino Diwan (en lingua bretoa) manifestáronse na Bretaña para alertar sobre a inxustiza que poderían sufrir o alumnado de terceiro curso este ano no Diplôme National du Brevet (DNB), que dá fe da adquisición de coñecementos xerais ao final de 3º da ESO.

Unhas mobilizacións apoiadas por profesorado e familias ante o que consideran que é un retroceso nos dereitos lingüísticos do bretón, xa de por si non precisamente amplos nun estado como o francés, refractario a recoñecer calquera avance para aqueles idiomas e linguas faladas no seu territorio e que non sexan a francesa.

ç

Desde o Ministerio de Educación francés vén de se comunicar á rede Diwan (que ten máis de medio cento de centros de ensino por toda a Bretaña) dunha serie de limitacións ao bretón nesta proba.

As concentracións e mobilizacións decorreron en varias vilas e cidades baixo o lema “DNB en bretón” e na mesma alumnos e alumnas vestiron de negro ou mesmo coa boca tapada, en denuncia desta vulneración dos seus dereitos.

Que é Diwan

O 23 de maio de 1977, en Gwitalmeze, unha pequena vila mariñeira de pouco máis de 6.000 habitantes, situada no departamento do Fisterre, botaba a andar a primeira escola ‘Diwan’,  unha posta polo ensino con inmersión lingüística en bretón. Era a primeira ‘semente’ – que é o que significa diwan- para frear o progresivo ermo que o bretón tiña entre mocidade e infancia de Breizh. Na actualidade son máis de medsio cento os centros desta rede de escolas en bretón e o número de alumnos abeira os 5.000.

O inicio desta rede está nun grupo de persoas comprometidas co idioma. Nunha reportaxe de Le Telegramme, unha desas pioneiras, Anna Vari Chapalain, explica que cando tiveron a idea de crear escolas en bretón o primeiro foi mirar o que se facía noutros sitos, como Euskal Herria e Gales. Apostaron polo proxecto “con moitas gañas” malia que, lembra, entre os partidarios do bretón “non todos estaban de acordo con nós, crían que para impulsar unha escola así a lingua debía estar nunha mellor

situación”.

Porén, explica Chapalain, “Nós opinabamos o contrario: a lingua precisaba dos máis novos para avanzar”. E iso, superando dificultades materiais, económicas e da propia lexislación francesa. “Loitamos moito tempo pola obtención dun recoñecemento”. En 2001, o Consello de Estado bloqueou o proceso de integración destas escolas apelando a unha lei de 1994 na que se establecía que “o francés é a lingua da educación”. A pesar disto, as Diwan non perden folgos nin enerxía e seguen adiante.

Comentarios