Entrevista

Yann Rivallain (Consello Rexional da Bretaña): "Bretaña precisa autonomía ante o centralismo francés"

Xornalista de profesión e actualmente encargado do proxecto 'Bretóns do Mundo', Yann Rivallain forma parte do Consello Rexional da Bretaña (o Goberno Bretón) e visitou a redacción de 'Nós Diario' durante a súa visita á Galiza, viaxe que aproveitou para estreitar lazos e relacións entre ambos os países.
20240226
photo_camera Yann Rivallain na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Nós Diario)

—Vén de participar en Compostela no Fest Deiz organizado pola Asociación Breizh Galiza, unha reunión comunitaria de música e baile bretón e galego. Como o viviu?
Foi unha xornada espectacular. Este tipo de iniciativas son unha maneira moi efectiva de compartir a nosa cultura e mantela viva fóra de Bretaña, e para a cultura galega estes eventos poden abrir portas a novos horizontes. A cidadanía bretoa está moi agradecida porque poden ver que a súa cultura é valorada  fóra de Bretaña. Ademais, fiquei moi impresionado coa gran calidade da música e da danza bretoas que se fan aquí na Galiza, tiña a impresión de que estaba como na casa. 

A miña misión desde o Goberno é apoiar a diáspora bretoa e estou moi agradecido á Galiza por este tipo de iniciativas e por poñer en valor o noso maior orgullo que é a cultura.

—Que se pode facer desde as institucións para fortalecer os vínculos entre ambos os países?
Unha das nosas prioridades no Goberno bretón é estreitar lazos con outros países, especialmente coas nacións celtas. Temos desde hai anos acordos de colaboración con Gales, Escocia e Irlanda. Un dos obxectivos da miña viaxe aquí era conseguir tamén un acordo de colaboración coa Galiza, algo ao que xa nos comprometemos desde o Goberno bretón. Esperamos asinar un acordo formal co Goberno galego durante este ano.

—Como describe a situación actual do bretón?
A lingua bretoa está en perigo, estamos a perder falantes e a media de idade da persoa falante de bretón é de 70 anos. Calculamos que hai perto de 200.000 falantes de bretón e que en 2050 haberá só 50.000. Ante isto estamos a implementar políticas para reverter esta situación desde o ensino. Cada vez hai máis xente nova que comeza a falar bretón grazas ás escolas que ofrecen aulas na nosa lingua.

Aliás, o apoio social ao bretón aumenta cada ano e vemos un desexo da sociedade de recuperar o idioma e normalizalo. A lingua bretoa non vai morrer, mais se tivésemos mellores condicións e o Goberno francés non frease os nosos esforzos, o bretón estaría nunha situación moito mellor. Existe unha vontade política desde o Goberno bretón mais o Estado francés non axuda.

—Que debería facer o Estado francés para mellorar a situación sociolingüística do bretón?
Parar o proceso de recentralización en que está inmerso. Desde a entrada de Macron vemos unha recentralización no Estado francés a pesar de que no caso bretón a gran maioría do Consello Rexional está a favor de máis autonomía para o territorio, porque a necesitamos. Percibimos que a cidadanía bretoa quere claramente máis autonomía pero ao Estado francés parece non interesarlle e iso está a frustrar e decepcionar a nosa xente, algo que pode chegar a ser bastante perigoso. 

—Cal é a situación política e social na Bretaña? 
A sociedade bretoa está mais cohesionada que a francesa onde as desigualdades medran constantemente. Na Bretaña a fenda entre ricos e pobres é a máis baixa de todo o Estado e esperamos mantelo así.

Economicamente somos un dos territorios con menor taxa de desemprego e somos un territorio cada vez máis atractivo para vivir, o cal está a producir problemas no relativo ao acceso á vivenda. Outra problemática con que nos encontramos desde o Goberno é a división entre o leste e o oeste do país, con cada vez máis xente abandonando o interior para vivir na costa.

Bretoas e bretóns na diáspora

Como responsábel do proxecto 'Bretons du monde' (bretóns do mundo), Yann Rivallain ten tres obxectivos principais, segundo explica: "Fomentar iniciativas encamiñadas a achegar máis Bretaña a quen está lonxe dela, apoiar aqueles que queiran compartir o seu apego a Bretaña cos membros da súa comunidade de acollida e desenvolver unha rede de solidariedade, intercambios e proxectos entre Bretaña e a comunidade de bretoas e bretóns e amizades da Bretaña en todo o mundo. Para conseguir isto, o proxecto que coordina Rivallain, dependente do Consello Rexional (o Goberno bretón), ofrece axuda directa a diferentes "asociacións, comunidades, estabelecementos culturais e educativos ou mesmo organizacións de ámbito privado que traballen para promover Bretaña polo mundo adiante". 

Comentarios