A loita duns pais bretóns por conseguir un libro de familia en lingua bretoa

Un concello négase unha vez máis a facer un libro de familia en lingua bretoa.

breizh bretaña
photo_camera A familia do pequeno Taliesin.

O pequeno Taliesin naceu no hospital de Pabu, perto de Guingamp (departamento Côtes-d'Armor), na Bretaña, en maio de 2021. Entón os seus pais, Anna e Tudwal Le Lay-Girard, solicitan un libro de familia expresando o desexo de que este documento fose bilingüe francés-bretón, algo que permite a lei.

Case ano e medio despois, e malia as numerosas xestións realizadas pola, non lograron ter ese documento. "Consideramos esta petición lexítima en Bretaña e máis aínda para a nosa casa, onde a educación do noso fillo se fai en lingua bretoa", explican os pais, que enviaron unha carta ao alcalde da vila, para denunciar esta situación que consideran discriminatoria.

Desde maio de 2021, os pais de Taliesin puxéronse en contacto repetidamente co concello de Pabu. "Dixéronnos que había que validalo, despois que estaba en marcha, despois que se esqueceron, despois que estaban á espera de noticias da imprenta", lamentan.

Por último, o 22 de setembro, despois de volver chamar ao concello, os servizos comunicáronlles que para ter o libro en bretón habería que imprimir 2.000 exemplares e que o Concello non podería sufragar este custo.

"Lembramos que esta petición é legal e que o departamento de Côtes-d'Armor asinou un plan lingüístico que ten como obxectivo potenciar a lingua breton nos servizos públicos (artigo 2.2)", sinalan os pais de Taliesin.

Os pais Taliesin pídenlle ao alcalde de Pabu "que reconsidere a súa decisión de prexudicar os 30.000 falantes bretóns da área da Maternidade de Pabu e cree, sen demora, un caderno familiar bilingüe ao alcance de todos".

Comentarios