Alemaña poderá asinar o fondo de recuperación da Unión Europea

O Constitucional alemán desbloquea o desembolso dos fondos europeos.
Tribunal Constitucional alemán (Foto: Uli Deck / Dpa)
photo_camera Tribunal Constitucional alemán (Foto: Uli Deck / Dpa)

O Tribunal Constitucional de Alemaña deu luz verde esta cuarta feira, 21 de abril, a que o presidente alemán, Frank-Walter Steinmeier, ratifique o fondo de recuperación da Unión Europea (UE), que ten que ser aprobado polos 27 estados membros para o investimento de 800.000 millóns de euros (750.000 millóns a prezos de 2018). 

Este proceso quedou paralizado o pasado 26 de marzo, despois da denuncia dun grupo de extrema dereita, que sostiña que violaría os tratados europeos ao tratarse dunha asunción conxunta de débeda.

Porén, o Alto Tribunal alemán considera que as consecuencias do bloqueo preliminar serían máis graves se posteriormente fose declarado constitucional que en caso de seguir adiante e finalmente determinarse a súa inconstitucionalidade

En teoría, este fondo debería ter comezado a repartir as axudas o 1 de xaneiro pasado, mais até o de agora só foi ratificado por 17 de 27 estados. O Estado español agarda conseguir 140.000 millóns de euros entre créditos e axudas.

O caso que máis preocupaba era o de Alemaña, pola posibilidade dunha sentenza que declararse que o fondo de recuperación fose contrario á lexislación alemá. En Polonia o proceso está parado por unha disputa entre os partidos do Goberno.

A UE espera ratificar o fondo en poucas semanas

Após coñecerse a decisión do Alto Tribunal xermano, a Comisión Europea mostrou a súa confianza en que a ratificación do fondo europeo de recuperación sexa completada "nas próximas semanas".

"Celebro a decisión do Tribunal Constitucional alemán e a súa claridade. Sigo sendo optimista con que todos os Estados membros poidan agora ratificar a Decisión sobre Recursos Propios nas próximas semanas", escribiu en Twitter o comisario de Orzamentos, Johannes  Hahn. A normativa sobre Recursos Propios da Unión Europea é a que permite á Comisión emitir a débeda coa que financiará o plan anticrise de 800.000 millóns de euros.

Pola súa banda, a presidenta da Comisión europea, Ursula von der Leyen, tamén se pronunciou en Twitter destacando que "a Unión Europea segue na senda da súa recuperación económica tras unha pandemia sen precedentes", e o presidente do Parlamento europeo, David Sassoli, cualificou de "boa noticia" a resolución do Tribunal Constitucional alemán. 

Comentarios