Catalunya

A Fiscalía española mantén o independentismo catalán clasificado como "terrorismo"

O Goberno español pediu incluír o independentismo catalán no informe de Europol deste ano sobre a situación do terrorismo en Europa, tal e como denunciou a eurodeputada de ERC Diana Riba.
Rúas ateigadas polo independentismo na Diada de Catalunya (Foto: ANC).
photo_camera Rúas ateigadas polo independentismo na Diada de Catalunya (Foto: ANC).

A fiscalía da Audiencia Española segue incluíndo o independentismo catalán entre as actividades que cualifica de “terrorismo”. Así se recolle no informe anual da Fiscalía Xeral do Estado (FXE), correspondente ao exercicio 2022, que o fiscal xeral Álvaro García entregou esta quinta feira no acto de apertura do exercicio xudicial celebrado en Madrid, co máximo nivel do poder xudicial e presidida por Felipe VI.

É dentro do apartado das investigacións levadas a cabo pola Fiscalía da Audiencia Española onde se fai referencia ao "violento independentismo catalán" dentro do apartado de "Terrorismo", onde seguen a haber referencias a ETA (que puxo fin á actividade armada hai doce anos e hai seis que foi disolta), GRAPO, Resistencia Galega, xihadismo, extrema dereita e extrema esquerda.

No informe, a Fiscalía indica que o ano pasado houbo vinte e catro "actuacións violentas e de sabotaxe en España", das cales once por "incitación ao odio", oito por "danos públicos/desobediencias", tres por danos a empresas privadas, oito por "danos públicos/desobediencias", un por danar as súas políticas e outro por enxalzar o terrorismo.

A Fiscalía asegura que "se detectou un descenso dos actos de sabotaxe polo esgotamento da militancia independentista e a falta de feitos relevantes que poidan servir de estímulo para a convocatoria de grandes manifestacións e campañas de accións".

"Antirrepresión"

E asegura que a "perda de iniciativa" dos supostos grupos violentos debeuse á acción da xustiza, e fixo que "gran parte da súa actividade estea centrada na chamada 'antirrepresión'. A mobilización en resposta aos procesos xudiciais atrae a maior cantidade de recursos a estes colectivos, coa execución de campañas de graffiti ou nas redes sociais”.

Polo tanto, a actividade antirrepresiva tamén se enmarca dentro do que a fiscalía cualifica de terrorismo, e máis concretamente de "terrorismo nacional".

A Audiencia Española está pendente de xuízo oral polas acusacións de pertenza a organización terrorista por parte da Fiscalía contra doce membros dos CDR detidos en setembro de 2019 na ‘Operación Judes’. E tamén mantén aberta a investigación contra o Tsunami Democràtic por terrorismo.

Ademais, o Goberno español pediu incluír o independentismo catalán no informe de Europol deste ano sobre a situación do terrorismo en Europa, tal e como denunciou a eurodeputada de ERC Diana Riba. De feito, o goberno de Pedro Sánchez segue a incluír a independencia como prioridade á hora de loitar, xunto co xihadismo, na Directiva de Intelixencia que anualmente dirixe ao CNI. Así o estabeleceu o Goberno de Mariano Raxoi e mantivo o de Sánchez.

Comentarios