Oriol Junqueras repetirá como presidente de ERC após recibir o apoio de 87% da militancia

O ex vicepresidente da Generalitat afirmou que ERC segue a traballar por "unha República Catalá con todo o mundo e para todos”.
O presidente de ERC, Oriol Junqueras. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de ERC, Oriol Junqueras. (Foto: Europa Press)

A militancia de ERC renovou os mandatos de Oriol Junqueras e de Marta Rovira como presidente e secretaria xeral do partido catro anos máis, até 2026. A súa candidatura era a única que se presentou e foi apoiada por 3.809 militantes dos 8.584 que figuraban no censo.

A participación foi de 50,2% . Dos militantes que votaron, 87% apoiaron a candidatura de Junqueras e Rovira. Aliás, houbo 562 votos en branco , 13% restante dos votos recibidos. O voto en branco era a única forma de expresar o voto desconforme.

En 2019, no anterior congreso, a participación fora de 57,14% dos militantes. Naquela ocasión participaron no proceso 5.195 persoas dun censo total de 9.087. Junqueras e Rovira recibiron 4.693 votos a favor e 499 votos en branco, que nese momento representaban 89,93 e 10,61% dos votos emitidos.

Aínda así, a participación deste ano foi maior que a de 2015, de 32,92% (2.416 militantes dun censo de 7.338); e 2011 -cando Junqueras e Rovira foron escollidos como dirixentes de ERC por primeira vez-, de 44 ,78%.

Os dirixentes de ERC máis lonxevos desde o franquismo

 Nun comunicado, Junqueras asegurou que a reelección serve para “consolidar o crecemento e o liderado de Esquerra Republicana; volvemos para ser máis e para ser máis fortes co mesmo rumbo: unha República Catalá con todo o mundo e para todos”.

 

Pola súa parte, Rovira manifestou que a formación afianza “a aposta de sumar por converterse nun independentismo plural e transversal, de gobernar ben e ser útiles, de arraigar en todo o territorio consolidando o crecemento nas áreas metropolitanas, e de gañar garantías democráticas e complicidades internacionais para avanzar na resolución do conflito político”.

Se completan o novo mandato, os dous dirixentes soberanistas levarían 15 anos na cabeza de ERC. Aínda que os estatutos do partido limitan a Presidencia e a Secretaría Xeral a un máximo de doce anos en total, unha modificación no documento organizativo aprobada en 2019 fai que non se inclúa no reconto os anos de prisión e exilio de ambos os dous políticos.

Desta maneira, Junqueras e Rovirs converteranse nos dirixentes de ERC cun mandato máis longo desde o fin do franquismo. En toda a historia do partido, só son superados por Josep Tarradellas (dezaseis anos) e Joan Sauret (vinte e dous anos) durante o exilio pola ditadura.

Comentarios