VÍDEO | 'Via Fora!': A Assemblea Nacional Catalana presenta a Diada deste ano

O spot rodouse o pasado 29 de agosto nas rúas de Vic coa participación de máis de 200 persoas voluntarias.
Imaxe do spot publicitario da Assemblea Nacional Catalana (Foto: ANC).
photo_camera Imaxe do spot publicitario da Assemblea Nacional Catalana (Foto: ANC).

A Assemblea Nacional Catalana (ANC) difundiu esta sexta feira o vídeo promocional que chama a todos os independentistas a participar na mobilización da Diada. A través dun comunicado, a ANC asegurou que quere "demostrar a Europa, a España e aos independentistas que o movemento civil non esquece o obxectivo: a independencia".

O spot rodouse o pasado 29 de agosto nas rúas de Vic coa participación de máis de 200 persoas voluntarias.

“Despois duns anos de represión, pactos co PSOE e unha mesa de negociación que fracasou e branqueou o Estado español, os independentistas deben volver a desbordar as rúas de Barcelona para volver pór o independentismo no centro da axenda do debate político. E aínda máis, nun contexto no cal España ostenta a presidencia rotatoria do Consello de Europa e estamos en plena negociación para a investidura española”, engaden.

"Ademais, os independentistas teñen a oportunidade de bloquear os tribunais, e iso fai que os medios internacionais volvan a súa atención aquí".

O vídeo comeza con imaxes de rúas baleiras para simbolizar o "intento de derrota e desmobilización do movemento" e ao mesmo tempo fai unha referencia á pandemia, que en 2020 tamén influíu no activismo afastado das rúas.

A voz en off do actor Lluís Marco asegura que "facer un acordo con quen nos reprime e nos espía non pode ser o camiño". Nunha referencia ao lema deste ano, "Via fora!", pódese ver como cada vez son máis as persoas de todas as idades que percorren as rúas até que unha rúa se enche de bandeiras e camisolas da Diada.

Nas camisolas lema "Via Fora!" vai acompañado dunha imaxe con perfís de rostros das persoas nun deseño inspirado nos cartaces da primeira metade do século XX que busca suxerir “loita, esperanza e unidade”.

O percorrido da Diada

O percorrido desta manifestación da Diada consta de catro columnas de manifestantes que confluirán na Praza d'Espanya e que sairán desde catro puntos simbólicos distintos da cidade de Barcelona: Ciutat de la Justícia, Escola Proa, Estació de Sants i Hisenda. "Estes puntos son enclaves de denuncia e reivindicación dos dereitos e liberdades perdidos polo colonialismo español, e representan os valores fundamentais que terá a República Catalá: Liberdade, Lingua, País e Soberanía", conclúe a ANC.

Comentarios