Sánchez chama Netanyahu e pídelle "un cesamento do fogo humanitario"

O presidente dos EUA, Joe Biden, afirma que "non se pode dar por perdida" a solución de dous Estados.
Pedro Sánchez (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O presidente do Goberno do Estado español en funcións, Pedro Sánchez, mantivo este domingo unha conversación telefónica co primeiro ministro israelita, Benjamin Netanyahu, na que lle expresou a súa "fonda preocupación" pola protección de todos os civís e a necesidade de que a axuda humanitaria chegue á poboación de Gaza.

Neste sentido, Sánchez fixo ante Netanyahu un chamamento a un "cesamento do fogo humanitario". Ademais, neste sentido, pediulle que a axuda humanitaria chegue á poboación de Gaza de maneira "suficiente e sostida".

"Hai que evitar que o conflito se estenda ao resto da rexión. Debemos abordar unha solución definitiva para a paz, baseada na solución de dous Estados, Israel e Palestina, que coexistan en paz e seguridade", engadiu na conversa, segundo sinalou na súa conta de X (anteriormente Twitter).

O xefe do Executivo español en funcións recalcou a Netanyahu que Israel ten dereito a defenderse, mais só "dentro dos límites do dereito internacional e humanitario" e reiteroulle a súa solidariedade coas familias das vítimas.

Os EUA non dan por perdida a solución de dous Estados

O presidente dos EUA, Joe Biden, pediu á comunidade internacional que faga todos os esforzos posíbeis para manter vivo un acordo de paz en Oriente Próximo a través dunha solución de coexistencia entre un Estado palestino e Israel. Neste sentido, pediu a reactivación das conversacións de paz de cara a unha solución de dous Estados. “Non podemos dala por perdida [a solución de dous Estados], solicitou.

Pola súa parte, o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, defendeu este domingo a necesidade de permitir a entrada de auga na Faixa de Gaza, sometida a un asedio completo por parte de Israel. “O mundo quere ver que Israel amplía a subministración de auga” a Gaza, declarou Blinken.

Este domingo entrou un segundo convoi con 17 camións con axuda humanitaria a través do paso de Rafah na Faixa de Gaza (a fronteira con Exipto, a única que non controla Israel). Porén, as organizacións humanitarias alertan que a axuda enviada supón unha porcentaxe ínfima das necesidades da poboación no territorio palestino.  

Comentarios