Juan Carlos I, comisionista internacional

A Fiscalía apunta a delitos de suborno, branqueo de capitais, contra a facenda pública e de tráfico de influencias, na solicitude a varios Estados para que informen das contas bancarias que puideran estar vencelladas a Juan Carlos I. De confirmarse que foi notificado desta dilixencia, a regularización fiscal que implicou o pago de 4,4 millóns de euros sería ilegal.
O rei emérito, Juan Carlos I, o 8 de xaneiro de 2020, asistindo á capela ardente da Infanta Pilar. (Foto: Europa Press)
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, o 8 de xaneiro de 2020, asistindo á capela ardente da Infanta Pilar. (Foto: Europa Press)

Estréitase o cerco xudicial ao rei emérito español, Juan Carlos I, fuxido desde o 3 de agosto de 2020 en Abu Dabi, nos Emiratos Árabes Unidos.

A Fiscalía do Tribunal Supremo ratifícase en que a súa fortuna provén do seu traballo como comisionista internacional e confirmou esta sexta feira que o 24 de febreiro deste ano enviou unha comisión rogatoria a varios Estados -entre eles Suíza- para solicitar información sobre as contas bancarias que puideran ter relación co emérito.

Nesta solicitude de asistencia xurídica, desvelada polo xornal El Mundo, as e os fiscais do caso salientan que segundo as investigacións, Juan Carlos I cobrou "comisións e outras prestacións de similar carácter en virtude da súa intermediación en negocios empresariais internacionais" para enriquecerse.

En base aos indicios de que “os fondos que son obxecto de investigación teñen, entre outras, a referida procedencia ilícita”, a Fiscalía identifica catro delitos: branqueo de capitais, contra a facenda pública, suborno e tráfico de influencias.

Na reclamación a Suíza, a Fiscalía solicita información das contas da Fundación Zagatka no Credit Suisse entre 2016 e 2019. Esta entidade foi fundada en 2003 en Liechtenstein por un curmán do emérito, Álvaro de Orleans-Borbón, e, amais de ter a Juan Carlos I como beneficiario, encargouse de pagar gastos del até 2018, catro anos após abdicar e perder a inviolabilidade legal.

As sospeitas sobre Zagatka súmanse ás que levaron a investigar a Fundación Lucum, con sede en Panamá, baixo a lupa do fiscal suízo Yves Bertossa despois de recibir 65 millóns de euros do Ministerio de Finanzas de Arabia Saudita. A Xustiza helvética apunta a contratación do AVE da Meca como o negocio no cal Juan Carlos I actuou como intermediario.

A Fiscalía, que agarda a resposta internacional para continuar coa investigación, transmitiu que o avance do proceso está “con frecuencia condicionado pola propia dinámica da cooperación internacional”.

Regularización ilegal

A comisión rogatoria enviada pola Fiscalía do Supremo pon en tela de xuízo a segunda regularización fiscal de ganancias non declaradas a Facenda feita por Juan Carlos o 26 de febreiro, de 4,4 millóns de euros, despois de pagar o 9 de decembro 678.000 euros para regularizar os gastos de tarxetas bancarias con fondos opacos do empresario mexicano Allen Sanginés-Krause.

Na lexislación española indícase que este proceso “ten que ser completo, veraz e espontáneo”, resultando ilegal cando a persoa que regulariza “ten coñecemento formal da apertura de dilixencias por parte da Fiscalía”.

Por iso, pouco despois de facerse pública a solicitude internacional de axuda xurídica, Carlos Cruzado, presidente dos Técnicos de Facenda, exixiu que a Fiscalía aclare se notificou ao emérito o 24 de febreiro a apertura das dilixencias, dous días antes de que o seu avogado, Javier Sánchez Junco, fixera pública unha nota na que explicaba a regularización.

Cruzado lembrou que hai uns meses o tenente fiscal do Supremo sostiña que o letrado fora informado de todas as resolucións adoptadas, polo que o antigo xefe de Estado tería que asumir as responsabilidades administrativas e penais da regularización ilegal.

En pouco menos de dous anos de lexislatura, a Mesa do Congreso tombou 15 intentos de abrir unha comisión de investigación polas actividades do rei emérito cos votos de PSOE, PP e Vox. 

Facenda reclama á Casa Real os pagos ao emérito até 2018

A Casa Real recibiu dous requirimentos enviados pola Axencia Tributaria para entregar todos os pagos feitos a Juan Carlos I desde que abdicou en xuño de 2014 no seu fillo, Felipe VI, até 2018, confirmaron fontes da investigación a El País.

A institución abonou case 200.000 euros anuais ao rei emérito até marzo de 2020, cando a aparición do rei actual como beneficiario das fundacións Lucum e Zagatka, levouno a retirarlle a asignación para desvincularse do caso.

Comentarios