BNG, ERC, Bildu, Junts, PDeCAT e CUP piden contas no Congreso polo novo pago do Rei emérito a Facenda

O rei emérito no Congreso dos Deputados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O rei emérito no Congreso dos Deputados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Esquerra Republicana (ERC), Bildu, Junts, PDeCAT, a CUP e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) uníronse para pedir contas á ministra de Facenda, María Jesús Montero, polo segundo pago de Juan Carlos I para regularizar débedas coa Axencia Tributaria.

O Rei emérito pagou case 4,40 millóns de euros nunha segunda regularización fiscal por rendas non declaradas durante varios exercicios, concretamente máis de 8 millóns de euros en viaxes que son considerados pagos en especie na declaración de IRPF.

Fronte a esta noticia, os nacionalistas galegos, vascos e cataláns solicitaron o a comparecencia no Congreso da titular de Facenda para que expliquen "en que circunstancias, condicións e termos se produciu a regularización opaca de 4 millóns de euros, de dubidosa procedencia, por parte de Juan Carlos de Borbón".

Polos motivos citados, as formacións nacionalistas tamén reclaman a presenza na Comisión de Facenda do Congreso da Fiscalía Anticorrupción e do director da Axencia Tributaria, Jesús Gascón.

Sánchez defende a monarquía

Sobre a nova regularización fiscal do ex Xefe do Estado, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou esta mesma sexta feira o seu "rexeitamento" ás "condutas incívicas" do Rei emérito, mais fixo unha férrea defensa da Coroa, tratando de desligar a corrupción da monarquía. 

Así, o xefe do Executivo español recalcou que non se está xulgando a Coroa e subliñou que o actual Rei "marcou un antes e un despois a favor da exemplaridade e a transparencia".

Comentarios