2022 foi o ano con máis mortes en conflitos armados no século XXI

238.000 persoas faleceron en guerras o pasado ano, a maioría no conflito de Etiopía contra a rexión de Tigrai.
Abdel Fattah al Burhan. (Foto: Mohamed Khidir / Europa Press / Contacto)
photo_camera Abdel Fattah al Burhan. (Foto: Mohamed Khidir / Europa Press / Contacto)

O pasado ano faleceron nas distintas guerras activas no mundo 238.000 persoas, recolle o informe anual ao respecto publicado a cuarta feira polo Instituto para a Economía e a Paz, con sede en Australia, que conclúe que por noveno ano consecutivo se está a producir un retroceso no que atinxe á paz e á seguridade en todo o planeta.

A meirande parte das mortes en conflitos armados produciuse en Etiopía, con 100.000, que puxo punto é final á guerra contra a rexión de Tigrai o pasado ano. En todo caso, o estudo engade outras 100.000 vítimas pola fame desencadeada polas hostilidades. Aínda así, a Unión Africana eleva a 600.000 o número de decesos por este conflito. En segundo lugar aparece a guerra en Ucraína, á que atribúe 83.000 mortes desde o comezo da invasión rusa até final de ano.

Estes dous conflitos impulsaron o aumento de 96% no número de mortes no marco das guerras desde 2021, convertendo 2022 como o exercicio cun maior número de óbitos en conflitos armados neste século.

Tamén se destaca un incremento da participación de terceiros países en conflitos externos, que pasou de 58 Estados en 2008 a 91 en 2022.

Amais do impacto en vidas humanas, o documento apunta que as guerras do pasado ano custaron 16 billóns de euros, case 13% do produto interior bruto do mundo, após unha alza de 17% en relación a 2021.

En paralelo, a Organización das Nacións Unidas alertou da falta de financiamento para garantir as operacións de axuda humanitaria que, entre outras situacións, están orientadas a responder aos conflitos armados.

No ecuador de 2023, a entidade revelou que só recibiu arredor de 20% dos fondos solicitados aos Estados membros para poder ofrecer a axuda humanitaria planificada neste ano, da que depende unha de cada 22 persoas no mundo. Un anuncio que chega despois de confirmarse a redución da axuda alimentaria brindada polo organismo en varios campamentos de refuxiados.

Guerra no Sudán

No Sudán, onde comezou unha guerra civil o pasado 15 de abril, aumenta o risco dunha escalada maior das hostilidades a pesar de que tanto as Forzas Armadas como o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido anunciaron un alto o fogo durante as festividades relixiosas desta semana.

Tras os reportes dos últimos días de avances no conflito dos paramilitares en Khartún, a capital, o líder do Exército, Abdel Fattah al Burhan, proclamou unha mobilización xeral e reclamou ás persoas novas do país que tomen as armas para unirse ao Exército sudanés.

Comentarios