O número de mortos en conflitos armados duplicouse en 2022

O máis mortífero do pasado ano foi o de Etiopía, malia que, sostén un informe, "unha percepción común é que a guerra en Ucraína foi máis sanguenta".
Vítimas de desprazamento forzoso no territorio de Tigrai acollidas nunha escola en Mekelle. (Foto: OIM Etiopía)
photo_camera Vítimas de desprazamento forzoso no territorio de Tigrai acollidas nunha escola en Mekelle. (Foto: OIM Etiopía)

No mínimo 237.000 persoas morreron por mor da violencia organizada ao longo do pasado ano, segundo vén de evidenciar un novo informe do Uppsala Conflict Data Program (UCDP) da Universidade de Uppsala (Suecia) publicado no Journal of Peace Research. O documento cuantifica o incremento de vítimas mortais en 97%, comparando co ano anterior, o que se traduce na cifra máis alta desde o xenocidio de Ruanda de 1994.

"Vemos este aumento a pesar dunha considerábel desescalada nos dous conflitos máis mortíferos de 2021: Iemen e Afganistán. Pola contra, a violencia en Etiopía e Ucraína intensificouse drasticamente", explica Shawn Davies, analista principal do UCDP. "Unha percepción común é que a guerra en Ucraína foi o conflito máis sanguento en 2022 pero, de feito, morreron máis persoas en Etiopía, onde a Fronte de Liberación do Pobo Tigrai (TPLF) loitou contra o exército etíope, este último apoiado por Eritrea, desde finais de 2020", matiza.

En conxunto, as guerras en Etiopía e Ucraína provocaron cando menos 180.000 mortes relacionadas cos combates en 2022. Trátase dunha estimación "á baixa", xa que a información sobre estes conflitos é escasa e está suxeita a unha "ampla propaganda". É probábel, neste senso, que as cifras se revisen significativamente a medida que se dispoña de máis información mais, aínda así, os datos mostran que neses dous conflitos morreron máis persoas en 2022 que en todo o mundo durante o ano anterior. Tanto en Etiopía como en Ucraína, os combates caracterizáronse pola guerra de trincheiras, acusándose as partes belixerantes de utilizar tácticas de vagas humanas. Este tipo de guerra contribuíu ao elevado número de baixas, sostén o informe.

A invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022 é a primeira guerra interestatal a gran escala en 20 anos. Malia que os conflitos entre estados seguen a ser "relativamente raros", aumentaron nos últimos anos. "Tamén se volveu máis común que os estados externos envíen tropas de apoio aos grupos rebeldes que loitan contra outros gobernos, o que esencialmente significa que os exércitos estatais están a loitar entre si", engade Therese Pettersson, líder do proxecto.

O número de conflitos activos no mundo mantense nun nivel historicamente alto. En 2022, UCDP rexistrou 55 conflitos diferentes nos que participou un Estado nun ou ambos os bandos. En contraste, entre 2000 e 2013 rexistráronse anualmente entre 31 e 39 conflitos deste tipo, mentres que o número anual variou entre 52 e 56 a partir de 2015. "Malia que a maioría dos conflitos son pequenos, o número de guerras aumentou de cinco en 2021 a oito en 2022. Os conflitos que causan no mínimo 1.000 mortes relacionadas coa batalla durante un ano natural considéranse guerras", aclara Pettersson.

O número de conflitos non estatais, nos que grupos rebeldes ou outros actores armados organizados loitan entre si, tamén se mantén nun nivel récord. O UCDP rexistrou 82 conflitos deste tipo en 2022. Nove dos dez conflitos non estatais máis mortíferos do ano producíronse en México, onde os cárteles da droga rivais loitaron entre si polo territorio desde a década de 1980.

A violencia relacionada coas bandas tamén aumentou en Brasil, Haití, Honduras e O Salvador nos últimos anos. Aliás, a chamada violencia unilateral, na que os civís son o obxectivo, aumentou en 2022. Un mínimo de 11.800 civís perderon a vida a conta deste tipo de violencia intencionada e selectiva, levada a cabo por 45 estados ou grupos organizados diferentes. O actor que máis civís matou na violencia unilateral foi o Estado Islámico (EI), pero os Estados tamén atacaron civís a gran escala en varios conflitos. Rusia e Eritrea exerceron unha gran violencia contra civís nas guerras de Ucraína e Etiopía, afirma o documento.

Comentarios