Entrevista

Ramón Grosfoguel, profesor en Berkeley: "Israel despraza os palestinos de Gaza para construír o canal de Ben Gurion"

O sociólogo portorriqueño Ramón Grosfoguel, experto en teoría decolonial e profesor na Universidade de Berkeley, en California (Estados Unidos), visita a Galiza para participar en diversos actos da Fundación Galiza Sempre. Nós Diario aproveita a súa estancia no país para conversar sobre a actualidade xeopolítica global.
O sociólogo portorriqueño Ramón Grosfoguel visitou antonte a redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).
photo_camera O sociólogo portorriqueño Ramón Grosfoguel visitou esta quinta feira a redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).

—Estamos no medio dunha guerra en Europa, en Ucraína, como se chega a esta situación?
A guerra comeza en 2014, despois dun golpe de Estado imposto pola Intelixencia dos EUA a través dunha revolución "de cores", pondo no poder batallóns nazis que antes eran simples milicias e que agora están no Exército de Ucraína. Estes batallóns teñen como obxectivo acabar coa poboación rusa, o que supuxo a guerra contra o Donbás.

En 2015 Rusia promove a paz e asínanse os acordos de Minsk (Bielorrusia), avalados por Alemaña e Francia, mais seguiu a guerra, porque as ordes dos Estados Unidos ás milicias nazis foi continuar co conflito. A estratexia é obrigar Rusia a estender o seu poder entrando nunha guerra para ver se colapsa. 

Están cercando Moscova desde os anos 90, violando acordos e apuntando con mísiles nucleares a capital rusa, polo que isto se converteu nun problema serio de seguridade para o Kremlin, Ucraína é a gota que colma o vaso, é unha guerra defensiva.

Vladimir Putin advertiu durante moito tempo desta situación, antes incluso de 2014, queixándose nos foros internacionais, a paciencia de Rusia foi moita. Chámolle o xaque mate dos Estados Unidos ao Kremlin, existe un documento publicado en 2019, e dispoñíbel en internet, chámase Overextending and Unbalancing Russia, no que se relata a estratexia que agora se está a seguir para debilitar Moscova co obxectivo de quedar co mercado da Unión Europea.
Forzan Moscova a entrar nunha guerra en Ucraína, despois crean un bloque internacional de sancións, e finalmente quedan con boa parte das importacións chegadas á UE, pois 40% viñan desde Rusia, esa é a estratexia. 

E, paralelamente, eliminan a dependencia que a Unión Europea tiña de Rusia e rompen a relación entre as partes. Conseguiron que a UE se subordine como un protectorado colonial aos EUA, que non teña soberanía, algo que xa se sabía mais que agora queda evidenciado.

Os pobos da Unión Europea están pagando cara a guerra de Ucraína, non só a través dos orzamentos militares senón tamén coa inflación. Ademais, deixan a UE  fóra da Ruta da Seda (proxecto comercial chinés), que por terra chegaba a través de Rusia. 

Pregúntome como é posíbel que as elites financeiras da Unión Europea actúen en contra do seu propio interese. Neste sentido, hai que resaltar a valentía do BNG, que leva máis de dúas décadas advertindo sobre o que significa o poder de Bruxelas, algo que era moi difícil de defender, que poucas forzas de esquerda se atreveron a facer, e que agora é unha evidencia. 

—E neste contexto, unha guerra aberta contra o pobo palestino.
O xenocidio contra o pobo palestino comeza hai máis de 100 anos, cando franceses e ingleses dividiron como unha torta o territorio tras a caída do Imperio Otomán. O Reino Unido chamou a facer un proxecto colonialista de poboación lanzando os xudeus europeos a Palestina, desprazando violentamente a poboación local nun proceso de limpeza étnica que ten o seu punto álxido coa creación do Estado sionista de Israel. Hai unha forte correlación entre xenocidio e colonialismo de poboación, o cal implica expulsar os pobos da súa terra, igual que pasou, por exemplo, cos pobos indíxenas nos Estados Unidos de América.

Desde a creación de Israel vemos como o mapa vai cercando Palestina, é un apartheid, como en Sudáfrica. O pobo palestino fica acantoado nuns pequenos departamentos, nunha especie de reservas, como as dos indios americanos. Gaza é un campo de concentración que resulta da mobilización forzosa de case un millón de persoas do seu territorio, ao que non poden volver.

Hai que discutir o dereito de Israel a defenderse, os xenocidas e os colonialistas non teñen este dereito. A lei internacional estabelece que son os pobos oprimidos os que poden defenderse, incluso de forma armada. É algo adulterado que haxa Gobernos occidentais que promulguen o dereito de Israel a defenderse.

Hai outro elemento na cuestión de Palestina, do que non se fala, Israel e os seus socios occidentais queren desprazar o canal de Suez (que pertence a Exipto desde a nacionalización do presidente Gamal Abdel Nasser) coa consecución do proxecto do canal de Ben Gurion atravesando polo medio de Gaza. Desprazar a poboación do norte da Faixa aforraría cartos para desenvolver este proxecto israelí.

—África é a grande esquecida.
Hai movementos antiimperialistas de ruptura contra os poderes occidentais en África, sobre todo contra o francés, dirixidos por militares con apoio militar, nun importante proceso contra o neocolonialismo. Isto é posíbel grazas á aparición do mundo multipolar, pois antes estes levantamentos eran paralizados a través do bloqueo económico.

Agora a China é a potencia comercial máis importante para os africanos, o que xunto ao respaldo de outros Estados como Rusia, permite romper co dominio francés e do bloque liderado polos Estados Unidos, que non respecta a soberanía dos pobos. 

A nova pugna xeopolítica non é ideolóxica, cando menos non nos termos da guerra fría, cando a loita era socialismo contra capitalismo, a nova loita mundial é entre o imperialismo e o respecto pola soberanía dos pobos.

"Os Estados Unidos priorizan o control de América Latina"

"Unha vez recuperado o mercado da Unión Europea polo imperialismo dos Estados Unidos, a súa nova prioridade é América Latina, non van volver a Oriente Medio nin a África, e moito menos a Asia, pois foron desprazados destas rexións", explica Ramón Grosfoguel.

"Os EUA afirmaron que América Latina é unha rexión rica en recursos naturais e estratéxica polas súas reservas en litio, petróleo e gas", sinala. "Non queren que iso caia en mans de Rusia ou a China e semella que vai haber unha nova escalada para ter o dominio", afirma.

"Perder América Latina sería a fin dos Estados Unidos como imperio, por iso quere recuperar o terreo perdido nos últimos tempos, polo que os próximos anos poden ser moi perigosos, talvez peor de todo o que temos visto até o momento", conclúe o sociólogo portorriqueño.

Comentarios