Camiño a un Planeta 2,7ºC máis quente

Novo informe da ONU na semana previa ao inicio da decisiva COP26.
desxeo_onu
photo_camera A suba por riba de 2ºC neste século terá resultados catastróficos (Foto: ONU)

As políticas actualmente en vigor para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera colocan o Planeta no camiño de aumentar en 2,7ºC a temperatura media antes de finalizar este século. O limiar máximo estabelecido no Acordo de París (2016) é de 2ºC: alén desta cifra, os estudos científicos debuxan un panorama desolador. 

A cifra está recollida no Informe sobre a Fenda de Emisións 2021, elaborado polo Programa da ONU para o Ambiente (UNEP) e presentado onte, na semana previa ao inicio da Conferencia sobre Cambio Climático (COP26). 

Agárdase que os Gobernos do mundo, especialmente os dos países máis desenvolvidos ─os membros do G20 representan 80% das emisións globais─, adquiran un compromiso firme e inequívoco. O tempo esgótase, insisten os científicos.

O informe de agosto do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) situaba nas próximas dúas décadas o momento en que se superará o límite de 1,5ºC, fixado para as revisións quinquenais hai seis anos en París (a reunión foi en 2015). E o mes pasado varias axencias da ONU cifraban en 40% a posibilidade de que se produza xa no próximo lustro. 

O desta terza feira, que pon en números a diferenza entre as emisións estimadas para 2030 e as comprometidas no documento de 2016, sostén que aínda aplicando as promesas de cero emisións netas, a temperatura aumentará en 2,2ºC. "Porén, moitos países postergan a posta en marcha dos seus plans até despois de 2030", afirma. Por exemplo, o G20 como grupo non está no camiño de cumprir cos obxectivos nesta década.

Advertencia sobre os mercados de carbono

A UNEP apunta que "a redución das emisións de metano dos sectores de combustíbeis fósiles, de residuos e da agricultura podería axudar a fechar a fenda de emisións e reducir o quecemento a curto prazo".

Tamén lanza unha advertencia sobre os mercados de carbono ─unha especie de mercado internacional de compra e venda de dereitos de emisión entre países─. Asegura que "poden ofrecer unha redución real das emisións, mais só cando as normas estean claramente definidas, deseñadas para garantir que as transaccións reflictan as reducións reais das emisións e estean apoiadas por acordos para rastrexar o progreso e proporcionar transparencia".

En resumo, o informe calcula que para limitar a 2ºC o aumento da temperatura cómpre unha redución de 30% das emisións, e de 55% para que non suba de 1,5ºC. 

Comentarios