luns 29/11/21

O tempo esgótase para o Planeta e os seus moradores

A primeira parte do sexto informe do IPCC, que actualiza o último de 2013, sinala a inequívoca culpabilidade do ser humano no cambio climático e, xa que logo, nos destrutivos e máis frecuentes fenómenos meteorolóxicos extremos. Culpábel e redentor á vez: o humano, di, ten na súa man volver tapar a caixa dos tronos.
australia_fire_Unsplash_Jo-AnneMcArthur
Os incendios forestais son un mostra máis do progresivo avance do cambio climático. Na imaxe, un canguro nun bosque de Australia (Foto: Jo-Anne McArthur / Unsplash)

Non hai ningunha dúbida para o IPCC: a orixe humana do cambio climático é indiscutíbel. Comunicouno esta segunda feira, 9 de agosto, nunha mensaxe ao mundo onde se vincula directamente a actividade dos habitantes do Planeta cos fenómenos meteorolóxicos extremos, como vagas de calor, fortes precipitacións, secas e ciclóns tropicais. IPCC  son as siglas en inglés do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, organismo de Nacións Unidas con sede en Xenebra que asegura que estes fenómenos afectarán todas as rexións e de maneira máis frecuente e severa.

O quecemento global está perigosamente cerca de saírse de control. Os gases de efecto invernadoiro na atmosfera xa son o suficientemente altos para garantir a alteración climática durante décadas ou mesmo séculos, segundo asegura este xa sexto informe do IPCC, que actualiza o último de 2013.

"As alarmas son enxordecedoras", advertiu o secretario xeral da ONU, António Guterres, que describiu o informe do IPCC como un "código vermello para a humanidade". "Ten que ser a sentenza de morte para o carbón e para o resto de combustíbeis fósiles antes de que destrúan o noso Planeta", sinalou.

O IPCC elaborou o seu extenso e detallado informe con base en máis de 14.000 estudos científicos. Será publicado en seis partes de aquí a 2022. Esta primeira, de 13 capítulos, chega a tan só tres meses de que se desenvolva en Glasgow a Conferencia de Nacións Unidas sobre Cambio Climático de 2021 (COP26). De alí tentarase que saia un plan de acción climática máis ambicioso que o actual.

As promesas na redución de gases de efecto invernadoiro, especialmente o dióxido de carbono (CO2), que a queima de combustíbeis fósiles produce, están moi lonxe de poder comezar a notarse na saúde do ambiente. Segundo o informe do IPCC, a temperatura superará o limiar dos 1,5 graos centígrados en menos de dúas décadas se non se actúa de maneira rápida, decidida e a nivel global.  

Sen marcha atrás

No Acordo Climático de París de 2015, os países estabeleceron o obxectivo de que a temperatura global non subise por riba dos 2 graos, preferibelmente dos 1,5 grados, con respecto aos niveis preindustriais. Aínda que  na vindeira década se conseguise unha drástica redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro, a temperatura media do Planeta poderíase incrementar en 1,5 graos para 2040 e posibelmente en 1,6 graos para 2060 antes de comezar a estabilizarse. E de se manter a mesma dinámica actual sen variacións, o aumento sería de 2 graos para 2060 e 2,7 graos para finais de século.

Unha vez se dea ese aumento de 2 graos, os eventos extremos de calor serán máis frecuentes e chegarase a niveis de tolerancia crítica para a saúde e para a agricultura. Mais non é unha cuestión exclusivamente de aumento da temperatura. O cambio climático trae consigo múltiples mudanzas, que se intensificarán cun maior quecemento. Isto inclúe variacións na humidade e na sequidade, nos ventos, na neve e no xeo e nas áreas costeiras.

A Terra non experimentaba temperaturas tan altas desde a época do Plioceno medio, hai uns tres millóns de anos, cando apareceron os primeiros devanceiros do ser humano e o nivel do mar era entre 15 e 25 metros máis altos que na actualidade, tal e como reflicten as evidencias xeolóxicas. Unha diminución do xeo do Ártico e da Antártida como o vivido daquela sepultaría hoxe cidades enteiras.

"Unha redución enérxica e duradeira das emisións de CO2 e doutros gases de efecto invernadeiro poden limitar a magnitude do cambio climático", asegura non obstante o IPCC. Mais o tempo esgótase para o Planeta e para todos nos que nel moran. 

O tempo esgótase para o Planeta e os seus moradores
comentarios