Duran i Lleida considera que a independencia é má para Catalunya e para España

Durán i Lleida sae á palestra en pleno debate soberanista en Catalunya para reiterar a súa posición contra a independencia, considerando que é negativa para o seu país e para o Estado español, e xustificando o posicionamento en argumentos como que esa decisión escorrenta o investimento estranxeiro. O PP xa parabenizou o líder de Unió mentres que desde o independentismo aconsellan a Artur Mas que ande con ollo co seu socio de CiU
Durán i Lleida
photo_camera Durán i Lleida

Non veu dicir nada que non tivese dito. Durán i Lleida sempre se definiu como nacionalista non independentista e partidario de transformar o Estado español nun estado federal/confederal, non de separarse del. Mais, en pleno clima preelectoral en Catalunya alentado pola maré soberanista, as declaracións do líder de Unió (a formación minoritaria que integra CiU), Durán i Lleida, rexeitando a independencia ("é má para Catalunya e España", "prexudica a economía e escorrentaría investimentos", "non hai unha maioría cidadá a prol da independencia") vén de xerar un cruzamento de declaracións, reproches ou apoios, segundo cada quen.

A voceira do PP en Catalunya, Alicia Sánchez-Camacho, aplaudiu as declaracións de Durán i Lleida e apresouse a dicir que desmontaban a estratexia soberanista de Mas. No que atinxe ao independentismo que abranxe ERC, lanzan unha mensaxe ao presidente da Generalitat, Artur Mas, de que non se "fíe" do seu socio.

O nacionalista afábel que España quere

Durán i Lleida ten figurado en varias enquisas de opinión como o político mellor valorado polos españois, mesmo a nivel de políticos en xeral. Representa para boa parte do poder mediático, político e económico español o nacionalista con 'seny', que defende Catalunya mais non renega de España, da que quere seguir a formar parte. "É mais querido en España, onde é tratado como un privilexiado e sen recebir críticas que sí reciben o resto de políticos, que en Catalunya, onde se lle ve como unha persoa que xoga a varias bandas", ten sinalado un comentarista catalán.

Comentarios