Un roteiro pola Galiza irmandiña (Roteiro 7)

Un dos símbolos de Vilalba é a torre dos Andrade. (Foto: Turismo Vilalba)
photo_camera Un dos símbolos de Vilalba é a torre dos Andrade. (Foto: Turismo Vilalba)

O século XV galego vai estar marcado pola denominada revolución irmandiña e pola revolta galega contra Castela das décadas finais do século XV. A primeira deles contou co apoio directo da monarquía e a segunda só foi derrotada tras a acción militar concertada das tropas dos Reis Católicos apoiadas por mercenarios franceses e bretóns. Arredor destes dous sucesos imos propor outras dúas rutas que permitan coñecer estes feitos históricos mediante un percorrido polo patrimonio material e inmaterial.

As revoltas irmandiñas son vítimas dunha visión mitificada e deformada. Así, unha parte da historiografía,  tenta converter este movemento no capitulo galego da revolta dos comuneiros, na perspectiva de integrala no grande relato da construción de España. Ao tempo, outra interpretación, debedora neste caso dunha visión escolástica do marxismo, asocian ás revoltas a unha loita de dirección popular, porén á súa fronte atópanse sectores da fidalguía, como acontece con Roi Xordo en 1431 pero tamén en 1466 con Diego de Lemos, Alonso de Lanzós e Pedro Osorio, fillo do poderoso conde de Trastámara.

A rota proposta vaise centrar nos principais escenarios da Grande Revolta Irmandiña, aquela que se desenvolveu entre 1467 e 1469, tomando como referencia as protestas de 1431. Betanzos é cidade chave para entender este movemento, por ser aquí onde naceu a primeira das irmandades seguindo as ordes de Henrique IV e posuír importantes posesións na localidade os seus principais dirixentes. Betanzos, capital do gótico galego, conta cun significado patrimonio, sendo de visita obrigada a igrexa de Santa María de Azougue, erguida a mediados do século XIV por Fernán Pérez de Andrade “O Bo” e Fernán Pérez “O Mozo” e a igrexa de San Francisco, onde se conserva a tumba de Fernán Pérez de Andrade “O Bo”.

A continuación toca viaxar a veciña vila de Pontedeume, tamén ligada a familia de Andrade, moi particularmente ao principal antagonista do movemento irmandiño, Diego de Andrade. Neste localidade, compre visitar a Torre dos Andrade, unha construción defensiva erguida no século XIV, onde foi cercada e asediada durante a primeira guerra irmandiña a  muller e a filla de Nuno Freire de Andrade polas xentes de Roi Xordo. A continuación toca achegarse ao castelo dos Andrade, situado na parroquia de Nogueirosa, en Pontedeume, erguida a  partir de 1389 por Fernán Pérez de Andrade “O Bo”

Máis en Información do Reino
Comentarios