A Galiza ignorada

Morte na catedral

Foto: Nós Diario.
photo_camera Foto: Nós Diario.

O principal soporte da causa do rei de Galiza, León e Castela que pasou á historia ofcial como Pedro I 'El Cruel' foi a clase dirixente galega, aliada cos burgueses das nosas vilas, cun home extraordinario á cabeza, Fernando de Castro.

Nun momento crítico (1366) do confito de Pedro co seu irmán bastardo, Henrique, aposta da oligarquía nobiliar castelá-andaluza e a Igrexa católica, o rei encamiñouse cara a Galiza desde Sevilla, atravesando Portugal, co permiso e protección do rei portugués, o seu tío, do mesmo nome, casado en secreto coa nobre galega Inés de Castro, asasinada entón había 11 anos. Inés, medio irmá de Fernando de Castro, apostaba, como este, pola unidade galego-portuguesa.

Os nosos estudantes, en xeral, incluídos os universitarios da especialidade de Historia, descoñecen que Pedro I “el Cruel” convocou consellos das clases dirixentes galegas en Monterrei e Santiago, en xuño de 1366. Neles tomáronse decisións de moito calado político: a viaxe do rei e parte do seu séquito por mar, desde A Coruña a Bayonne, para acordar as condicións dunha alianza política e militar con Inglaterra ou a eliminación do máis perigoso inimigo interno en Galiza, o arcebispo de Santiago, Suero Gómez de Toledo, quen acudira meses antes á coroación de Henrique, como rei usurpador, en Burgos.

O séquito real, con Fernando de Castro, entre outros, chegara a Santiago o día de San Xoán. O arcebispo foi convocado polo rei a unha xunta o día de San Pedro. Todas as versións coinciden en que, trasladándose desde A Rocha o séquito arcebispal, após entrar na cidade, o arcebispo, primeiro, e logo o seu deán, tamén toledano, foron alcanzados por lanzas de dous cabaleiros galegos, Churrichao e Gallinato, xa á porta da Igrexa de Santiago, caendo mortos ao pé do altar do apóstolo.

O poder eclesiástico declarou fechando todas as igrexas ao culto, e excomungados aos autores do que consideraban unha profanación. Os burgueses de Santiago, seguidores de Fernando de Castro, mostráronse indiferentes perante a pauliña, partillando a idea de o arcebispo e o deán representaren intereses antagónicos aos seus, deostando unha institución eclesiástica posta ao servizo do exterior.

Máis en Información do Reino
Comentarios