A Galiza ignorada

Unha etapa de esplendor: Fernando II e Afonso VIII

Máis unha entrega da sección A Galiza ignorada, que nesta ocasión, da man do historiador Francisco Rodríguez Sánchez, que dá conta do reinado de Fernando II e Afonso VIII. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 289.

Afonso VIII, rei de Galiza
photo_camera Afonso VIII, rei de Galiza

1É frecuente na historiografía española recoñeceren que, entre 1157 e 1230, o que denominan reino de León “pasaba a ser Galiza con algúns apéndices”. Aínda así, non deixan de chamarlle exclusivamente reino de León. Tamén é frecuente que recoñezan que, á altura de 1170, Fernando II, ao que designan monarca leonés, era considerado “como o máis forte entre os peninsulares”. Resulta incuestionábel que, a finais do século XII, o poder político se concentraba no reino de Galiza e que os seus monarcas -de Galiza e de León- pertencían a un medio social, cultural e lingüístico galego.

Esa mesma historiografía atribúe a división por Afonso VII dos reinos de Galiza-León, por unha parte, e o de Castela, pola outra, entre os seus dous fillos, a un “pensamento inducido polo influente conde galego don Fernando Pérez de Trava”. A Fernando II, tamén educado por esta familia da clase dirixente galego-portuguesa, entregoulle o reino de Galiza/León. Malia existir un reino de Portugal, as relacións íntimas e as vinculacións patrimoniais, vasaláticas, sociais e culturais premían a unha unidade que seguía a facer posíbel a presenza natural da mesma clase dirixente aquén e alén do Miño. Os Trava actuaban nesta dirección, influíndo en ambos monarcas, o de Galiza, Fernando II, e o de Portugal, aínda Afonso Henríques. Por iso, a procura de solución aos conflitos entre a clase dirixente galego-portuguesa e os dous monarcas que a representaban foi a primeira preocupación de Fernando II. Nesta estratexia entra o seu matrimonio cunha filla de Afonso, rex portucalensium, dona Urraca Afonso, malia seren parentes en quinto grao e estaren prohibidas as unións até o sétimo grao pola Igrexa, que acabou anulándoo. Casaron na Galiza. Considerábanse os dous na casa. Curiosamente, Fernando II iniciou tamén unha política diferente co mundo musulmán, pola súa importancia económica e por unha reconsideración do espírito de cruzada. O seu pacto cos almohades non sentou nada ben en Roma. Non era de estrañar que a chancelaría real presentase a Fernando II, nestas circunstancias, como hispanorum rex, unha especie de emperador en relación cos distintos reinos peninsulares.

[Podes ler a peza íntegra no número 289 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Información do Reino
comentarios