Os 'tentáculos do español' no número 80 de Sermos Galiza

Avaliamos a polémica xerada perante unha hipotética incorporación do termo 'pulpo' ao dicionario da RAG após a proposta lanzada polo alcalde do Carballiño. O estado de excepción en Hamburgo e a apertura do Ano Díaz Castro, neste número do Sermos Galiza. Faite con el na nosa loxa. 

Capa_SG80

Que pensan do acontecido expert@s en lingua, mestr@s e a propia veciñanza do Carballiño? No número 80 debullamos (e refutamos) os argumentos do rexedor carballinés após 50 anos de promoción do castelanismo 'pulpo' neste concello ourensán onde o cefalópodo é xa un símbolo. 

En páxinas interiores debruzámonos sobre o negocio que NGB fixo coa obra d@s artist@s galeg@s após a fusión das extintas caixas galegas. En mans de quen queda agora a obra social após a venda da entidade financeira galega? Contámoscho esta semana.

En Política seguimos a pegada dos últimos movementos no PSdeG-PSOE que se desmarca da unidade da oposición a respeito da reforma electoral e deixa a porta aberta a unha posíbel negociación co PP. Asemade repasamos a apertura do curso político do BNG en Rianxo onde o portavoz nacional da organización frontista evocou o legado de Castelao face o "espellismo federalista" español. 

Sen saírmos do país botamos a ollada ao Concello da Coruña após as imputacións do tenente alcalde e outr@s integrantes da equipa de goberno de Carlos Negreira. O concello 'estrela' do PP cae na rede da operación Pokémon. 

Nas páxinas de Internacional analizamos o acontecido en Hamburgo onde o gobero do länder impuxo na súa capital o estado de excepción. A suspensión de dereitos e a ocupación policial de diversos barrios decretados converteron a cidade alemá nun laboratoria da represión que está por vir. Tamén así abordamos a ofensiva lanzada polo diario español El País contra o goberno de Cuba e que foi respondida polo embaixador de La Habana através do envío dunha carta ao grupo de comunicación. 

En Cultura conversamos co escritor Xesús Ábade Paredes após a publicación do seu último poemario, Sobre ruinas. Asemade, visionamos a curtametraxe O Xigante que compite na carreira dos Goya e damos a pistolada de saída ao Ano Díaz Pardo. O autor chairego que será homenaxeado no Día das letras Galegas foi recordado en Guitiriz pola Asociación Xermolos no que foi o primeiro acto arredor da súa figura. 

Todos estes contidos e moitos máis no número 80 do Sermos Galiza. Disponíbel xa na nosa loxa. 

Comentarios