Galiza móvese contra os "brutais ataques" ao pobo palestino

Concentracións nas principais cidades do País mostrarán a repulsa contra a operación 'Piar defensivo', que entra no seu sexto día e asasinou xa máis de 90 cidadá(n)s [email protected] Hai catro anos outra operación desenvolvida polo exército israelí, a 'Chumbo fundido', matou 1.300 persoas. A comunidade internacional,  nomeadamente os EUA, din recoñecer ''o dereito de Israel a se defender'' e olla para outro lado.
Compostela con Palestina
photo_camera Concentración en Compostela [Imaxe: SG]

Após condenar de maneira taxativa os bombardeos que Israel está a desenvolver sobre a faixa de Gaza na denominada 'Operación piar defensivo', o BNG convocou para esta segunda feira concentracións para mostrar a súa repulsa fronte aos asasinatos de poboación palestiniana e fronte á pasividade da comunidade internacional "nun momento en que se vai votar na ONU o novo estatuto de Palestina e en xaneiro haberá eleccións en Israel".

A operación entrou esta segunda no seu sexto día cunha cifra de mortes que non deixa de medrar e que supera xa as 90. Cando se fan catro anos dos ataques denominados 'Chumbo fundido', en que 1.300 persoas palestinas foron asasinadas, a formación frontista convocou mobilizacións en todas as cidades galegas por volta das oito do serán en defensa dun estado palestino. Aliás, instou o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, a "condenar os ataques de Israel" e a "defender activamente unha solución política e xusta para este conflito".

"Contra a impunidade dos asasinatos sionistas" tamén se moveu nestes días o colectivo BDS-Galiza, sumándose ás concentracións fixadas pola fronte nacionalista e convocando outras en Marín, Cangas, Cee e O Barco de Valdeorras. Sinala a plataforma cidadá polo boicote, os desinvestimentos e as sancións a Israel que a ofensiva lanzada polo exército israelí é "completamente desproporcionada", avogando por "unha solución pacífica" que inclúa o recoñecemento de Palestina "como estado de pleno dereito".

Nas últimas horas tamén a Alternativa Galega de Esquerda mostrou a súa repulsa polos "brutais ataques" perpetrados contra o pobo palestino. Nentres, a comunidade internacional, nomeadamente os EUA, din recoñecer "o dereito de Israel a se defender" e ollan para o outro lado. Eis os lugares e horas das concentracións, que chegan após as xa realizadas en Compostela e Ourense na sexta feira:

  • A Coruña, ás 20:30 horas, no Obelisco
  • Ferrol, ás 20:30 horas, fronte ao edificio administrativo da Xunta
  • Lugo, ás 20 horas, diante da subdelegación do goberno (praza Armanyá)
  • Compostela, ás 20 horas na Praza do Pan (Cervantes) 
  • Ourense, ás 20:15 horas, diante da subdelegación do Goberno español
  • Pontevedra, ás 20:30 horas, na Praza da Peregrina
  • Vigo, ás 20:30 horas, diate da Farola de Príncipe.
  • Vilagarcía de Arousa, ás 20:30 horas, na Praza Ravella (diante do Concello)
  • O Barco de Valdeorras, ás 20:30 horas, diante do Concello
  • Cee, ás 20:30 horas na Praza 8 de marzo
  • Cangas, ás 20:00 horas diante do Concello
  • Marín, martes 19, ás 20:00 horas, na Alameda

Máis en Galiza
comentarios