Israel bombardea medios de comunicación en Gaza


Cinco días seguidos de ataques sobre a poboación palestiniana da Faixa de Gaza provocaron máis de 50 asasinatos e milleiros de feridos. Na xornada de hoxe continuaron os ataques nesta ocasión contra medios de comunicación.


A guerra aberta de Israel contra o pobo palestiniano subiu hoxe un chanzo máis. Despois de catro días de ataques aéreos contra a poboación, coa consecuencia de 50 mortos e milleiros de feridos, esta mesma madrugada os ataques viñeron por mar. Os bombardeos desde buques da armada israelí causaron sete mortos, tres deles crianzas, e varios xornalistas feridos. O Presidente exipcio Mahoma Mursi dixera onte que tiña “algúns indicios" dun alto ao fogo por parte de Israel mais sen garantías de se  producise nas vindeiras horas. Segundo fontes palestinianas, ningún proxectil saíu de Gaza cara Israel desde a madrugada de onte.

Os bombardeos desde buques da armada israelí causaron sete mortos, tres deles crianzas, e varios xornalistas feridos

Medios de comunicación e vivendas

O centro dos ataques foi, desta vez, as oficinas centrais de medios de comunicación Al Shawa na Cidade de Gaza, incluíndo as instalacións de Ma'an, a axencia de noticias palestiniana e da cadea de televisión Al Quds que foi a que tivo máis feridos. O membro da Autoridade Nacional Palestiniana Mustafa Barghouti asegurou á axencia Ma'an que a intención de Israel é “tratar de asustar á prensa".

Tamén hoxe outro ataque no campo de refuxiados de Jabalia, no norte de Gaza, matou a dúas crianzas e causou unha ducia de feridos.

Máis en Mundo
Comentarios