A CIG defende que o dique flotante non infrinxe a normativa comunitaria

A sección sindical da CIG en Navantia-Ferrol, a segunda en representación no estaleiro local, invocou esta mañá o artigo 107 do Tratado Fundacional da Unión Europea para construír o dique flotante na ría de Ferrol sen incorrer no suposto de axudas estatais incompatíbeis co mercado interior.Lembra que Navantia pode facelo con fondos propios. 

.
photo_camera .

O voceiro da central na factoría ferrolá, Marcelino Amado, lembrou que segundo a normativa europea, non se considerarán contrarias ao Dereito comunitario aqueles investimentos públicos en zonas cunha grave situación de subemprego, establecida no 21%. Na cidade de Ferrol, segundo a última Enquisa de Poboación Activa, a taxa de desemprego supera o 29%.

Malia atopar ese burato legal na propia normativa comunitaria, a central nacionalista recoñece que “sempre fomos conscientes de que desde a Unión Europea nunca chegou unha medida que favorecera os nosos sectores produtivos. O dique non ía ser unha excepción”. Por iso, para a CIG o rexeitamento non supuxo sorpresa ningunha, posto que o Partido Popular “nunca tivo a vontade real de construír” unha ferramenta que consideran imprescindíbel  para respostar ás esixencias actuais e futuras do mercado das Reparacións, principalmente de gaseiros, no que Navantia, cómpre lembralo, ocupa o primeiro posto en Europa e o terceiro no mundo, despois dun estaleiro de Singapur e outro de Qatar.

As “coartadas” do Partido Popular para non dar cumprimento ás reiteradas promesas electorais deben ser contrarrestadas, sinala a CIG, polo único que o fai recuar, a presión social. Ademais, convidan á dirección de Navantia, nomeada polos “populares”, a acometer este investimento con fondos propios, unha alternativa que non colidiría co Dereito comunitario. 

Comentarios