O BNG pide a comparecencia de Montoro para explicar o “non” da UE ao dique flotante

A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez solicitou hoxe a comparecencia do ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, e dos presidentes da SEPI.

Estaleiros de Navantia na ría de Ferrol
photo_camera Navantia

A nacionalista quer saber se o Executivo de Rajoy considera que a comarca de Ferrolterra é unha zona en situación de “subemprego” e, polo tanto, susceptíbel de poder recibir axudas estatais sen que se consideren ilegais ou incompatibles co mercado interior comunitario. Alude, deste xeito, o artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea no que se contemplan as excepcións á norma e na que entraría a bisbarra de Ferrol, que ten un índice de paro próximo ao 30%. 

Para o BNG é prioritario que o Goberno central clarexe cal é a decisión que vai tomar a respecto da construción desta infraestructura clave para potenciar a área de Reparacións, na que Navantia Fene-Ferrol ocupa o terceiro posto do mundo, logo de que a Xunta de Galicia, a través do conselleiro de Economía, renunciase a valorar outras alternativas, entre as que se atopa tamén a posibilidade de financiala con fondos propios de Navantia. 

Até o día de hoxe, nin o presidente da Xunta nin o alcalde de Ferrol –este probabelmente o faga mañá- fixeron declaración ningunha a respecto da resposta desfavorábel da Dirección Xeral da Competencia á construción do dique, silenzo que contrasta coa elocuencia e solemnidade coa que se presentou un flotel que, a diferenza do dique, non garantirá o futuro dos estaleiros públicos da ría de Ferrol. 

Comentarios