O BNG chama a votar nacionalismo o 21-O para dicir “goodbye aos imbéciles e escuros”

Francisco Jorquera afirmou desde A Coruña que Feijóo "tenta dividir o voto para poder reter no Parlamento unha maioría que xa non ten na sociedade". O candidato nacionalista, pola contra, chamou "a concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG" o que na súa opinión asegura a derrota do PP.
Mitin do BNG na Coruña
photo_camera Mitin do BNG na Coruña

Francisco Jorquera denunciou desde un mitin na Coruña que “Feijóo só sabe facer oposición da oposición”. O candidato nacionalista cargou contra a estratexia do medo, “eu ou o caos” que segundo el estaría a promover Núñez Feijóo asegurando que “o único que mete medo é como están deixando o país”. “O caos son as políticas do PP” enfatizou.

Despois de asegurar que a táctica de Feijóo neste último treito de campaña pasa por “confundir e tentar dividir o voto, para poder reter no Parlamento unha maioría que xa non ten na sociedade”, o candidato do BNG á presidencia do BNG, amosouse certo de que “se concentramos o voto nacionalista e de esquerdas no BNG o PP perderá as eleccións”. En termos semellantes pronunciouse a candidata número dous pola provincia da Coruña, Ana Pontón, reivindicando a papeleta do BNG como a do “goodbye aos imbéciles e escuros”. “Hai que derrotar o PP para pór fin á soberbia e a prepotencia de Feijóo” engadiu Pontón.

“O BNG está para facerlles fronte, porque nós si temos un proxecto para este país, un proxecto que garante o cambio que precisa Galiza e que pasa por ser insubmisos aos recortes, un sistema impositivo máis xusto, poñer Galiza a producir para xerar emprego, defender os servizos públicos e non dar un paso atrás nos dereitos e nas liberdades”, desta maneira sintetizaba Jorquera a proposta con que a fronte nacionalista concorre a estas eleccións.

No acto estiveron presentes integrantes das plataformas de afectad@s pola estafa das preferentes, a quen o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez asegurou que“se nos dades a forza despois do 21 de Outubro haberá comisión de investigación das caixas”. Vázquez exixiu unha actuación xudicial “rápida e contundente” para depurar responsabilidades “e que devolvan a pasta que se levaron os Gayosos e Méndez”.

Comentarios