Alberto Núñez Feijóo: “A única enquisa válida é a das urnas o 21 de outubro"

Alberto Núñez Feijóo preséntase como candidato polo Partido Popular á re-elección nos comicios do 21-O. Malia as masivas mobilizacións sociais e a forte oposición durante os seus anos de goberno, o balanzo que fai da súa xestión é óptimo. O candidato popular foi vice-presidente e ex-conselleiro con Manuel Fraga Iribarne, unha figura da que asegura sentirse "moi orgulloso".



Alberto Núñez Feijóo, candidato do PPdeG
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, candidato do PPdeG

Despois de tres anos e medio de fortes recortes, promete que a vindeira será a lexislatura do crecemento. Que medidas impulsará nese sentido?

Os obxectivos económicos dos próximos anos teñen que descansar en tres eixos: innovación, investimento social e impulso do emprendemento.
Innovación nas nosas universidades unidas ás empresas, para contribuír á modernización dos nosos sectores estratéxicos. Os hospitais públicos en marcha e os novos centros de saúde, as novas prestacións nos colexios e institutos e os servizos sociais que se impulsen contribúen a achegar as persoas, porque ofrecen igualdade de oportunidades e xeran emprego e emprendemento. E acompañando cada galego que desexe saír ao exterior cos seus produtos e que reduza a dependencia da nosa economía do mercado nacional.

O CIS recolle que a maioría d@s galeg@s prefire un cambio de goberno e suspende a súa xestión. Que opinión lle merece?

Esa enquisa outorga maioría absoluta ao PPdeG mais, en todo caso, a única enquisa válida é a das urnas o 21 de outubro. Ata entón nós seguiremos explicando aos galegos o que fixemos estes catro anos e o que queremos facer, se nos volven dar a súa confianza. Somos conscientes de que aínda queda moito por facer mais, despois destes catro anos dunha política económica responsable, Galicia está preparada para iniciar o camiño do crecemento.

Vostede gábase do control exemplar do déficit en Galiza, mais o informe do Consello de Contas pono en cuestión...

Os mercados acreditan que Galicia é a comunidade máis solvente de España, que nos seguen dando crédito mentres a maioría das autonomías están pedindo ser rescatadas polo goberno central. E o Consello de política fiscal e financeira, que é quen determina ano tras ano o déficit de cada comunidade, acredita que Galicia é a comunidade con menor déficit de España. Sorpréndeme que algúns o cuestionen porque o do ano 2010 foi determinado por un goberno central socialista.

Un membro destacado da súa candidatura en Pontevedra, Cores Tourís, está a ser investigado por un xulgado en relación ao presunto cobro de comisións a cambio de contratos cunha empresa vinculada a un ex-senador do seu partido. Tomarán algunha medida ao respecto?
Non hai nin citación nin imputación da persoa á cal vostede se refire.

Comentarios