A xustiza europea declara legal o 'tax-lease' do naval

O Tribunal Xeral da UE anula a decisión da Comisión europea que declaraba ilegal estas axudas. Unha medida que prexudicou especialmente o naval galego, que ficou paralizado.

Estaleiro, naval

O 'tax-lease' non era ilegal. Así o ditaminou esta cuarta feira o Tribunal xeral da Unión Europea nunha sentencia que bota por terra a decisión da Comisión europea que declaraba ilegais estas axudas, obrigaba os inversores devolver beneficios fiscais obtidos e prohibía aplicar créditos fiscais no futuro. O ditame responde a un recurso interposto polo Goberno spañol contra o executivo comunitario e outro presentado por Pequenos e medianos estaleiros, mais existen 63 recursos máis dunhas 80 empresas.

A decisión da Comisión adoptouse no mandato do ex-dirixente do PSOE Joaquín Almunia como comisario de Competencia. Consideraba que o 'tax-lease' era unha axuda de estado ilegal e obrigou a Facenda a calcular e reclamar o importe non embolsado polos inversores. O 'tax-lease' é un sistema de arrendamento que permite xerar créditos fiscais ás empresas que investían en construción de buques para o seu posterior arrendamento e venta a navieiras que, á súa vez, tiñan desconto de até un 30% para adquirilos.

Galiza, especialmente prexudicada

Galiza é un dos territorios máis afectados por aquela decisión da Comisión europea. Afectado tanto polo que se vía obrigado a devolver (case o 50% do total), senón principalmente porque a anulación do 'tax-lease' paralizou case totalmente o naval galego. Os pedidos caeron en picado e iso derivou en milleiros de despdimentos. Todo por unha decisión de Bruxelas que agora a xustiza europea vén tirar polo chan dicindo que non era a correcta.

Comentarios