A xustiza europea castiga as accionistas do Banco Popular

O Tribunal Xeral da Unión Europea avala a liquidación da entidade e rexeita as indemnizacións.
Oficina do Popular xunto a unha do Santander na Coruña en 2017 (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera Oficina do Popular xunto a unha do Santander na Coruña en 2017. (Foto: Xoán Roberes)

O Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) avalou onte a disolución de Banco Popular tras desestimar na súa totalidade os recursos presentados por parte dos accionistas contra a resolución da entidade bancaria en 2017, e o seu traspaso a banco Santander por un euro, polo que rexeita tamén a devolución do diñeiro das accións e unha compensación ás persoas demandantes.

A sentenza do Alto Tribunal europeo, sobre a que cabe recurso, argumenta que a Xunta Única de Resolución (XUR) e a Comisión Europea "non incorreron nun erro manifesto de apreciación" ao considerar que Banco Popular "achábase en grandes dificultades ou probabelmente fóra a estalo".

Así, o órgano xurisdicional europeo apunta que a liquidación de Banco Popular adoptouse "validamente" e "con independencia" dos motivos que levaron á entidade bancaria a atoparse en dificultades.

Esta resolución fará que as persoas accionistas e acredoras do Banco Popular, entre as que se atopan centos de galegas e entidades como a Fundación Pedro Barrié de la Maza, queden finalmente sen compensacións polo proceso de liquidación do banco.

Esa porta xa quedara fechada cando, en marzo de 2020, a Xunta Única de Resolución (XUR), a autoridade europea que asegura a resolución ordenada dos bancos en dificultades, concluíse que, de terse levado a cabo un proceso normal de insolvencia no caso do Popular, a operación houbese xerado custos moito maiores.

O Popular, que en 2012 absorbeu o Banco Pastor, un dos históricos dos sector financeiro galego, foi liquidado e posteriormente vendido por 1 euro ao Banco Santander hai agora cinco anos, un movemento que deixou as accionistas e acredoras sen os seus cartos, o que levou moitas delas a recorrer á vía xudicial para recuperar parte do investido.

Comentarios