Guindos defende a venda do Popular por un euro como “a mellor solución”

O ministro afirma que se contactou con 5 entidades interesadas e que coa operación “salváronse”os aforros dos depositantes e a oposición critica o proceso. “Facilitaron un pelotazo ao Santander”.

A intervención e venda do Banco Popular-Pastor ao Santander foi a mellor solución. Así o dixo o ministro de Economía Luís de Guindos durante a súa comparecencia na comisión de Economía do Congreso. Foi a mellor decisión para preservar os aforros dos depositantes e para preservar a estabilidade do sector financeiro, afirmou. De non facelo, asegurou, a alternativa sería que o banco non podería abrir as portas por falta de liquidez e ter que ir ao concurso de acredores.

O ministro insistiu en que o Popular tiña un problema de liquidez, destacando as fugas de capital dos días antes da súa venda. Unha venda que se produciu no marco dun proceso “transparente, aberto e neutral” no que se contactou con cinco entidades financeiras que no seu momento amosaran interese polo Popular. Desas cinco, dúas chegaron á fase final, sendo Santander quen acabou papando a entidade. Así pois, a crise do Popular solucionouse sen que afectase á economía española nin aos depositantes, resumiu Guindos.

O portavoz socialista, Pedro Saura, considera "gravísimo" o sucedido e reprochou ao goberno non dar unha solución a tempo ao que era a sexta entidade financeira no Estado español. “Cómo se mantén durante cinco anos un banco zombi?”.

Yolanda Díaz, por En Marea-Unidos Podemos- En Comú Podem, acusou o goberno español de favorecer o Santander con este proceso. “Vostedes facilitaron un pelotazo ao Santander”, dixo, engadindo “a conta de que, se non, non intervén a CNMV como si fixo co Liberbank”.

Comentarios