A Xunta non paga axudas polos danos do xabarín nas explotacións agrogandeiras desde 2009

Unhas xornadas de traballo analizarán a problemática e as posíbeis solucións aos danos que a fauna salvaxe causa a quen aínda (sobre)vive do agro na Galiza. Organizadas pola Federación rural galega, Fruga, decorrerán en Lugo o 1 de outubro.

photo_camera Un porco bravo nun eido de millo [SG]


Desde que o PP chegou á Xunta, as explotacións agrogandeiras afectadas polos danos causados polo porco bravo deixaron de recibir as correspondentes indemnizacións. Recórdao a Federación rural galega, Fruga, co gallo da xornada de traballo que organiza en Lugo para o vindeiro 1 de outubro (17h) co obxectivo de abordar a problemática ocasionada pola fauna salvaxe no agro galego e achegar posíbeis solucións. 

Así, a incidencia dos danos que causa o xabarín é "enorme" e prodúcese "nunha situación económica terríbel" que afecta especialmente o rural galego, enfatiza a organización agraria, quen subliña que a saída non está en lles transladar a responsabilidade aos tecores --terreos cinexeticamente ordenados--, senón que tal decisión fai parte do desleixo da consellaría do Medio rural para co agro.

Insiste Fruga en que é "materialmente imposíbel" que os tecores teñan a capacidade de asumir o control de toda a fauna salvaxe, así como a responsabilidade económica dos danos que esta ocasione nas leiras ou nas explotacións gandeiras. Para alén de botar balóns fóra "nunha cuestión cuxa responsabilidade corresponde á Xunta", tal medida provoca tamén enfrontamentos entre a veciñanza "evitando que a frustración polos danos se focalice no goberno".

Reclaman responsabilidades políticas e un plan de actuación público

Hai máis. Fruga reclama á consellaría que dirixe Rosa Quintana que as políticas "erradas" postas en marcha desde este departamento carrexaron "abandono e desestruturación" no rural, incrementando as accións dos animais que viven ceibos.

Por todo isto, na xornada de traballo exporanse as reivindicacións que achegan tanto a organización agrogandeira como os tecores: que a Xunta asuma as súas responsabilidades na materia; a elaboración dun estudo sobre a situación actual e dun mapa de danos que derive nun plan de actuación público pagado pola consellaría e atendendo ás demandas d@s labreg@s; e habilitar "de maneira urxente" un fondo de danos que inclúa as perdas nas colleiras.

Comentarios