A Xunta non indemnizará á hostalaría e aposta por poñer 50% das axudas dun "fondo de cooperación"

O Goberno galego compromete ás deputacións e aos concellos nunha nova proposta económica para o sector.  
Julio García, Alfonso Rueda e María Jesús Lorenzana (á dereita) reunidos con representantes do sector esta pasada cuarta feira (Xunta da Galiza).
photo_camera Julio García, Alfonso Rueda e María Jesús Lorenzana (á dereita) reunidos con representantes do sector esta pasada cuarta feira (Foto: Xunta da Galiza).

A reunión de urxencia entre Xunta de Galiza e algúns representantes da hostalaría desta pasada cuarta feira rematou coa proposta do Goberno galego de crear un 'fondo de cooperación Covid-19' para o pago das axudas a este sector polos prexuízos causados pola pandemia. A xuntanza, "tensa" segundo explicou a Nós Diario María Cancela, membro da plataforma ShOStalaría da Coruña, durou máis de tres horas e non conseguiu outro acordo que ese compromiso que, ademais, tiña que contar coa participación das deputacións nun 30% e dos concellos nun 20% do seu orzamento. Alén diso, para o seguinte paso serían as mesmas organizacións do sector as que deberían falar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

"Non quixeron falar de indemnizacións ao sector, preferían axudas", explica Cancela que participou na reunión a última hora, "a proposta era seguir o modelo de Valencia co compromiso de telo resolto antes de 31 de xaneiro, non había outra opción", engade. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a de Emprego, María Jesús Lorenzana, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, informaron que as medidas tomadas até o de agora tiveron como punto de partida "as recomendacións sanitarias" aínda que descartaron ter que realizar outro confinamento como o de marzo.

O sector segue a sentirse criminalizado, cuestión que saíu na xuntanza. Como xustificación desde o Goberno galego "dixeron que nos bares a xente está máis sen máscara que nos centros comerciais", explica Cancela, “a min persoalmente pareceume que lle tiñan medo á hostalaría”.

Por este motivo ela mesma propuxo "vacinarnos tamén a nós con prioridade", unha idea que non descartou a consellaría de Sanidade. Unha das propostas da Xunta implicaba a compra de máquinas para purificar o aire. "Rexeitámolo, non sexa que pase como cos gastos que tivemos coa norma do tabaco que non serviu de nada". 

Malestar en municipios e deputacións

Municipios e deputacións tiveron información da proposta  cando se deu a coñecer ao remate da reunión, un feito que causou indignación na súa maior parte, aínda que non rexeitamento. Desde a Fegamp lamentan que non se lles convoque para "traballar man a man" e lembran que os concellos xa levan prestando axudas "na medida das súas posibilidades desde o confinamento".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denuncia que o Goberno galego "non deu nin un euro en 2020" malia "as cantidades que xa recibiu da UE para isto". Por parte do alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a proposta sentou ben aínda que cre que non é “operativa” e podería atrasar a chegada de axudas á hostalaría. 

As deputacións da Coruña e Lugo, censuraron o anuncio dunha proposta con porcentaxes  prefixados de financiamento e sen contar coas administracións ás que se quere implicar no fondo. Para Valentín González Formoso o anuncio chega "tarde" cando xa houbo plans de axudas que representan "varios millóns de euros para os sectores máis afectados". Para a Deputación de Lugo o Goberno galego instalouse na "improvisación" cando se "sente acurralado" e censura que se utilice ao sector "para tapar a súa propia falta de xestión".

Comentarios